Mañá dará comezo a 31ª edición do Festival Cinematográfico Internacional de Uruguay, que este ano inclúe na súa programación unha abondosa representación do Novo Cinema Galego. Na competición de Nuevos Realizadores foi seleccionado O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, o filme dirixido por Alberto Gracia con produción de Zeitun Films que se estreou en xaneiro no prestixioso Festival de Rotterdam, onde obtivo o Premio FIPRESCI. Da mesma compañía, e na sección Panorama, poderá verse Arraianos, de Eloy Enciso, coproducida con Ártika Films. Recordemos ademais que no seu día Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe gañou en Montevideo o premio á mellor película iberoamericana, de xeito que até o momento todas as producións de Zeitun Films tiveron oco no celebrado certame uruguaio.
A presenza galega complétase coa participación de Piedad de Otto Roca (Milpinton Filmes / Amén Cinema), tamén na sección Panorama, e coas obras seleccionadas para o ciclo España alterada, comisariado por por Cecilia Barrionuevo e Marcelo Alderete: Vikingland, Lupita, Á luzada e Noite de Xurxo Chirro, Fantasmas #1 de Ángel Santos e Anacos de Xacio Baño.