A consulta que fixemos sobre os mellores filmes do ano a críticos, programadores e cineastas -e no esencial amigos- foi desta volta deliberadamente heteroxénea. Non quixemos separar, a diferenza da enquisa anterior, filmes estreados en salas comerciais en España daqueles vistos en festivais ou nas pantallas caseiras; incidimos expresamente en que as curtas tamén podían ser citadas e deixamos total liberdade no número de títulos a elixir, dende os catro que recordan João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata á multitudinaria festa que propón Jaime Pena ou a aínda maior de Paolo Moretti. Nesas circunstancias ten pouco valor estatístico calquera reconto, mais aínda así pensamos que é curioso, máis ca útil, apuntar algúns datos xerais e salientar os filmes que se repiten de maneira máis notábel:
-Son máis de 250 os filmes nomeados ao longo das 32 listaxes publicadas. O total de películas actuais é semellante ao da enquisa de 2011, malia seren menos da metade as persoas consultadas.
-As películas máis citadas son as seguintes:
1º Tabú (Miguel Gomes) + Holy Motors (Leos Carax), con 21 mencións cada unha
2º Leviathan (Lucien Castaing-Taylor e Verena Paravel), con 20 mencións
3º Cosmópolis (David Cronenberg) + A última vez que vi Macau (João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata), con 15 mencións cada unha
4º Like someone in love (Abbas Kiarostami), con 10 mencións
-Os filmes españois máis citados son El muerto y ser feliz (Javier Rebollo) e Ensayo final para utopía (Andrés Duque), con 7 mencións cada un. Xusto despois veñen Diamond flash (Carlos Vermut) e as galegas Arraianos (Eloy Enciso) e Montaña en sombra (Lois Patiño), con 6 mencións.
-As curtas máis votadas son Montaña en sombra (Lois Patiño) e Manhâ de Santo António (João Pedro Rodrigues), con 6 mencións. Despois delas, A story for the Modlins (Sergio Oksman) e O que arde cura (João Rui Guerra da Mata), con 4 mencións. Lembrade que Rodrigues e Guerra da Mata son tamén autores da longa A última vez que vi Macau, co cal entre os seus tres traballos acumulan 25 mencións.
TODAS AS VOTACIÓNS:
Cecilia Barrionuevo * Pamela Bienzobas * Gonzalo de Pedro * Miguel Dias * Eloy Domínguez Serén * Alejandro G. Calvo * Fran Gayo * Xurxo González * João Rui Guerra da Mata * Eulàlia Iglesias * Roger Koza * Dennis Lim * José Luis Losa * Carlos Losilla * Adrian Martin * Iago Martínez * Paolo Moretti * Tamaki Okamoto * Dario Oliveira * Lois Patiño * Martin Pawley * Jaime Pena * Matías Piñeiro * João Pedro Rodrigues * Nuno Rodrigues * José Manuel Sande * Antoine Thirion * José Luis Torres Leiva * Miguel Valverde * Ferdinand von Galitzien * Manu Yáñez * Neil Young
O mellor de 2011: Resultados + Listaxe de votacións