Indielisboa 2010

Despois dunha edición, a de 2009, afectada pola difícil conxuntura económica, en 2010 o Indielisboa colleu novos folgos grazas a un importante aumento do apoio financeiro que o festival recibe das institucións públicas e privadas, en especial a través do Programa MEDIA, do Instituto de Turismo de Portugal e a Caixa Geral de Depósitos, que se asocia como parceiro oficial e permite a incorporación dunha nova sala, a Culturgest, un espectacular edificio situado en Campo Pequeno. Ademais de acoller boa parte das proxeccións de gala nos seus dous grandes auditorios, na Culturgest atópanse tamén as oficinas e a videoteca do Indielisboa, reemprazando como espazo central do certame ao tradicional Fórum Lisboa. Como reforzo deste novo eixo espacial do Indie, os xardíns do Palácio Galveias, xusto enfronte da Culturgest, convertíronse cada tarde nun punto de encontro aberto a todos os usuarios do festival, nomeadamente os profesionais, alimentando unha das ideas claras que pretende a organización, encabezada polos seus tres codirectores, Miguel Valverde, Nuno Sena e Rui Pereira: a de facer de Lisboa un lugar de convivencia e reflexión amigábel arredor do cinema.


Go get some Rosemary (Josh e Ben Safdie, 2009)

Marcado sempre por dous días feriados emblemáticos, o 25 de abril e o 1 de maio, o Indie é por mor da súa data de celebración o último dos grandes festivais xeralistas europeos antes de Cannes, a gran feira que supón o verdadeiro comezo da tempada cinematográfica. Lisboa é pois unha das escalas finais para moitos filmes estreados case un ano antes no certame francés, caso de Go get some Rosemary, dos irmáns Josh e Ben Safdie, que se alzaron co Gran Premio de Longametraxe cun filme que deixa un delicioso sabor de boca. Un agradábel e saudoso canto ás relacións paterno-filiais de forte pouso autobiográfico que se deu a coñecer na Quincena de Realizadores en 2009 e que despois formou parte da sección oficial do Festival de Xixón, ao igual que a outra triunfadora, La pivellina, dirixido por Rainer Frimmel e Tizza Covi, fermosa historia cunha parella de artistas de circo que acollen unha nena de dous anos abandonada nun parque. Un excelente retrato de familia alternativa que conmove sen caer no sentimentalismo e acabou levando o Premio de Distribución, que facilitará a súa exhibición comercial en Portugal. Tamén a concurso estivo a maxistral traxicomedia La mujer sin piano de Javier Rebollo, que se verá no CGAI a mediados de xullo coa presenza do director. Unha Carmen Machi afastada dos excesos televisivos dalle corpo ao personaxe central, unha muller que unha noite decide fuxir da súa vida alienada e convencional armada cunha perruca e unha maleta. O hábil e sutil guión de Rebollo e a súa compañeira Lola Mayo é a fértil base sobre a que se sustenta esta obra hipnótica, resolta en poucas semanas por un director en estado de graza que simultaneou a rodaxe e a montaxe do filme encadenando días e noites case sen descanso.

Maiores riscos asume o equipo do Indie nas seccións paralelas, que ofrecen unha panorámica ben audaz da creación contemporánea. Na sección Observatorio presentáronse os dous filmes máis recentes de Werner Herzog, homenaxeado in absentia na edición anterior: The bad lieutenant: Port of Call New Orleans, xa estreado en España, e My son, my son, what have ye done?, demostracións de que a estas alturas da súa carreira o mestre alemán está en condicións de convertir nunha obra mestra calquera material que lle poñan diante por perralleiro que sexa. Outro nome imprescindíbel é o de James Benning, de quen puidemos ver Ruhr, o seu salto ao vídeo dixital despois de case corenta anos traballando en 16mm. O resultado non está á altura dos filmes anteriores do xenio de Milwaukee e mesmo inclúe algunha secuencia inesperadamente fea (a da mezquita), mais ou menos compensada polo tour de force final, un plano dunha cheminea dunha hora de duración. As seccións Observatorio e Cinema Emergente repartíronse as novas obras dalgúns cineastas habituais dos circuitos festivaleiros, coma Johnnie To (Vengeance), Tsai Ming-Liang (Visage), Raya Martin (Independencia), ou, no ámbito da curtametraxe, Apichatpong Weerasethakul (A letter to Uncle Boonmee), Duncan Campbell (Make it new John), Tan Chui Mui (One future), Jay Rosenblatt (The darkness of day), Père Portabella (Mudanza) ou a parella Semiconductor, Ruth Jarman e Joe Gerhardt (Black rain). Especialmente valioso foi o foco dedicado ao inglés Ben Rivers, nacido en Somerset en 1972 e agora afincado en Londres; un creador que roda sempre con vellas cámaras Bolex de 16mm e mesmo revela e procesa a man os seus filmes.

O Indie 2010 rendiu tributo ao Fórum da Berlinale no seu corenta aniversario por medio dunha excelente escolma de películas presentadas nesa sección do festival alemán ao longo da súa historia. Un repaso ecléctico que incluiu alfaias como Baara, dirixida por un dos grandes nomes do cinema africano, Souleymane Cissé; a abraiante Beau Travail de Claire Denis; Sauve qui peut (la vie) de Jean-Luc Godard; Dust in the Wind de Hou Hsiao-Hsien; D'est de Chantal Akerman; a triloxía coa que Bill Douglas revisou a súa infancia, My Ain Folk, My Childhood e My Way home; a radical So is this de Michael Snow, mediometraxe composta unicamente por un texto presentado en pantalla palabra por palabra, e , obra mestra dunha das autoras que máis alegrías nos está a dar nos últimos anos, Sharon Lockhart. A documentalista Heddy Honigmann, a quen coñecemos por películas como Forever, vitalista achegamento ao cemiterio parisino de Pere-Lachaise, protagonizou a outra retrospectiva -quizá non tan necesaria- desta edición.


Fantasia lusitana (João Canijo, 2010)

Con todo, o papel máis importante que cumpre o Indielisboa é o de permitirnos avaliar o estado actual da industria cinematográfica fo país veciño. Os filmes portugueses, este ano especialmente numerosos e repartidos por todas as seccións do festival, son o eixo das Lisbon Screenings, un apartado que coordina Ana Isabel Strindberg e que vai dirixido a xornalistas e programadores estranxeiros, aos que se lles presentan filmes inéditos e mesmo algúns proxectos aínda en fase de produción, caso de Luz escura de Susana de Sousa Dias, nova mirada á memoria da ditadura na liña do seu anterior documental 48, premiado hai uns meses en Cinema du Reel. Fantasia lusitana de João Canijo válese de material de arquivo para reconstruír o papel de Portugal durante a Segunda Guerra Mundial, mesturando os textos dos refuxiados que fixeron escala no país para escapar do nazismo, coa visión oficial do salazarismo que imaxinou o país coma un territorio de paz e neutralidade. A excelente Muito alem de Mário Gomes ofrece un retrato austero dunha pequena aldea portuguesa en proceso de extinción que só recupera algo de vida no verán, nun documental que pode verse como a cara B da sublime Aquele querido mês de agosto. Moi prometedor é o debut na longametraxe de Pedro Caldas, Guerra civil, que manexa con fortuna algúns tópicos contemporáneos (a adolescencia, as familias rotas, a nostalxia polo pasado musical, neste caso Joy Division) para rematar cun final innecesariamente dramático.


Muito além (Mário Gomes, 2010)

A mellor longametraxe portuguesa vista no Indie é o froito de máis dun ano de traballo cos presos dunha cárcere do norte do país: Sem companhia de João Trabulo, que camiña entre o documental e a ficción nun exercicio de estilo moi próximo ao espírito de Pedro Costa. O outro gran momento do Indie chegou coa estrea de Voodoo, curtametraxe que confirma a Sandro Aguilar como un dos mellores creadores de imaxes do cinema europeo actual.

Artigo publicado no número de xuño de 2010 da revista Tempos Novos

Chuzame! A Facebook A Twitter

A celebración da ledicia cotiá de La Pivellina gaña o Festival de Xixón

Apostar por La Pivellina era apostar sobre seguro: como dixen o venres, é a clase de filme que atrapa calquera tipo de espectador, os duros e os tenros. Tamén cativou os membros do xurado internacional da 47 edición do Festival de Xixón, integrado por Lenny Abrahamson, Kiko Amat, Christine Dollhofer, Andrés Gertrúdix e Lucía Puenzo, que decidiron outorgarlle o Premio Principado de Asturias, o principal do certame, á fabulosa longametraxe de Tizza Covi e Rainer Frimmel “pola súa inaudita celebración da felicidade cotiá” e a súa “ollada íntima e emocionalmente honesta”. A potente presenza de Patrizia Gerardi conmoveu igualmente o xurado, que lle concedeu o galardón á mellor actriz por construír o seu personaxe no filme “con detalles, convicción e unha infinita complicidade coa cámara”.

O Premio Especial, o segundo en importancia do palmarés, foi para Le roi de l’evasion de Alain Guiraudie, “un explosivo e demente festín que festexa con gran irreverencia todo o que é importante” e que nos achegou os máis valiosos momentos de comedia (algo perralleira) da competición. Menos afortunada é a decisión de recoñecer a Lynn Shelton como directora pola irrelevante Humpday, peliculiña inofensiva con etiqueta Sundance que marcha de Xixón con outro premio para os actores Mark Duplass e Joshua Leonard.

O mellor guión levárono Philippe Lioret, Emmanuel Courcol e Olivier Adam por Welcome, o benintencionado e con certeza útil relato do drama da inmigración, resolto iso si con imperdoábel torpeza. O palmarés complétase co Premio Gil Parrondo á mellor dirección artística para Gustavo Ramírez pola uruguaia Mal día para pescar. O xurado esqueceu os outros traballos que, xunto a La Pivellina, elevaron o nivel dunha edición máis ben frouxa: Wakaranai de Masahiro Kobayashi e sobre todo Morrer como un homem, o filme máis sólido dos que até agora fixo o cineasta portugués João Pedro Rodrigues.

Ricardo Menéndez Salmón, Elisabet Cabeza e Gabe Klinger acordaron como gañadora do premio de non ficción ou documental a película Sahman (Fronteira) do armenio Harutyun Khachatryan. Silvia Grijalba, Pablo Agüero e Alberto Ferreiro, xurados da categoría de curtametraxes, optaron por Bingo de Timur Ismailov, produción holandesa.

Na nova sección Rellumes o galardón decidiuno o voto do público, que se decantou por Barking water de Sterlin Harjo. O xurado da federación da prensa cinematográfica internacional, a Fipresci, mirou cara a Romanía, un dos focos imprescindíbeis do actual cinema europeo, para premiar a Bobby Paunescu pola excelente Francesca. Por último, o xurado da mocidade elixiu como mellor longametraxe a xa citada de Philippe Lioret, Welcome, e como curtametraxe L’homme est el seul oiseau qui porte sa cage do cineasta francés Claude Weiss.

Así remata un festival que coa inminente marcha do seu programador Fran Gayo pecha unha etapa indiscutibelmente espléndida. En calquera caso, Xixón seguirá a ser unha cita obrigada para todos os amantes do cinema cada mes de novembro.

Martin Pawley. Publicado o domingo 29 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A Twitter

Festival de Xixón 2009: O único que queda é o amor

Non sairemos de dúbidas até mañá, mais apóstolles un café a que La pivellina acaba levando algún premio gordo neste Festival de Xixón. O filme de Tizza Covi e Rainer Frimmel é un soño para calquera festival, a clase de película que vai gustar da mesma maneira aos culturetas profesionais e ao público que cae de paso na sala, hipnotizados todos desde a primeira escena pola presenza poderosa e roiba de Patrizia Gerardi na pel dunha artista de circo que atopa unha nena de dous anos abandonada nun parque. Sabedora de que non pode deixala soa lévaa con ela á caravana onde vive e descobre entre as súas roupas unha nota da nai na que afirma que volverá axiña para recollela. Coa axuda de Tairo, un veciño adolescente, e a pragmática oposición do home, Walter, Patrizia faise cargo da cativa e coida dela á espera de que o asunto se resolva, nunha experiencia que acaba por resultar un gozoso e inesperado estímulo para unha muller que xa non está en idade de ter fillos.

O que fai grande La Pivellina é a maneira na que sortea todos os riscos potenciais da súa trama e a súa ambientación. É naturalista mais non ten necesidade de amosar trapos sucios; toca emocións esenciais sen caer na sensiblería melodramática; fala da familia, si, mais dunha nada convencional, cun trío memorábel -Patrizia, Tairo e a nena Asia- que nin sequera está ligado por lazos de sangue. Emprega como contexto escénico un parque de caravanas e o ambiente bohemio dos profesionais ambulantes, mais non pretende extraer poesía cutre dese espazo e moito menos recrearse na súa hipotética sordidez. Non é moralista, mais presenta heroes cotiáns que non van marchar facilmente da nosa memoria.

É abraiante o resultado obtido cos seus actores por Tizza Covi e Rainer Frimmel, que reparten entre os dous os labores de dirección, guión, produción, montaxe e fotografia. Incríbel o que conseguen con Asia, a habilidade coa que integran en cada escena as reaccións imposíbeis de manipular dunha picariña que non chega a trinta meses. Digna de aplauso por escapar dos subliñados e dos excesos, por inserir pingas de humor xusto onde deben estar, por facer da normalidade unha virtude, La Pivellina será un dos títulos de referencia deste Festival de Xixón por unha razón fundamental que non adoita ser citada nunha crítica de cinema: por todo o amor que leva dentro.

Martin Pawley. Publicado o venres 27 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A Twitter