Indielisboa 2012

A crónica do Indielisboa que esta revista publicou en xuño de 2010 era inesperadamente entusiasta. Aquela edición viña marcada polo crecemento do apoio institucional ao festival e marcou un record de entradas vendidas -44 mil- mentres polo horizonte xa se albiscaban os efectos dos problemas económicos que colocarían o país en mans do FMI, o Banco Central e a Unión Europea. Poucos días antes de que o 16 de maio de 2011 se fixera oficial a intervención e o conseguinte sometimento do país ao mandato da Troika remataba a oitava edición do Indie, esta si xa severamente afectada pola crise: o orzamento adelgazou en medio millón de euros (máis ou menos unha terceira parte) e iso reflectiuse nos contidos e finalmente tamén na asistencia de espectadores, que caía un 25% para se situar nos 33517. O contexto xeral non mudou para mellor en 2012, así que manter ou mellorar os resultados xa era de seu un éxito, e así aconteceu. Segundo o balance final emitido pola organización, nos once días que durou o festival -do 26 de abril ao 6 de maio- contabilizáronse 34797 espectadores, e o que é máis importante, medrou a media por sesión para alcanzar ratios de ocupación próximos ao 50%. 19 das 222 proxeccións colgaron o cartel de “non hai billetes”, e tamén foi moi elevada a participación nas actividades paralelas: os obradoiros do IndieJunior, as palestras e mesas redondas das LisbonTalks e a actividade nocturna, que se trasladou a unha zona emblemática da cidade, o Cais do Sodré, e ficou concentrada nunha mesma rúa -a Rúa Nova do Carvalho, rebautizada para a ocasión coma “Rua Dr. Indielisboa”- coa colaboración de diferentes locais (Musicbox, Povo, Bar da Velha Senhora, Pensão Amor, Casa Conveniente e Viking).

A innegábel sensación de alivio compensa en parte a frustración dalgunhas dolorosas medidas, entre elas a de desbotar unha sección emblemática do certame, o “Herói independente”, a homenaxe que o Indie tributaba a cineastas que admira en forma de retrospectiva, e que no pasado centrou a atención en autores tan estimulantes coma Werner Herzog, Júlio Bressane, Nobuhiro Suwa, Jia Zhangke, Shinji Aoyama ou Johnnie To, ou cinematografías con espírito renovado, caso da Arxentina, Rumanía ou Alemaña. A falta de Herói houbo que conformarse cun pertinente repaso ao cinema suízo contemporáneo nun foco que baixo o título Um bando à parte presentou, entre outras, as obras dos novísimos Lionel Baier (Un autre homme, Toulouse) e Ursula Meier (L'enfant d'en haut, premiada na Berlinale). O outro foco con nome propio celebraba o cincuentenario da Viennale, a mostra que agora dirixe con bravura Hans Hurch (a entrevista que Kieron Corless lle fixo hai uns meses para Sight and Sound é un documento imprescindíbel para entender o que debe ser hoxe un festival). Cinco filmes, un por cada década, ofreceron unha visión pouco convencional do que representou e representa cada outono a cita austríaca: dos xa clásicos As margaridas de Vera Chytilová e Atención a esta prostituta tan querida de Fassbinder, fitos dos novos cinemas do leste e da Alemaña respectivamente, ao transgresor e non sempre suficientemente valorado Derek Jarman (The last of England), o documentalista e profesor en CalArts Thom Andersen (coa sensacional Los Angeles plays itself) e o cambodiano Rithy Panh, unha das maiores conciencias artísticas do cinema do presente (La terre des âmes errantes).

A sección oficial do Indie é sempre un bo termómetro para medir tendencias e descubrir autores a daren os seus primeiros pasos. É o caso do cinema chileno, que comezou o ano acumulando premios en Sundance (mellor guión para Joven y alocada de Marialy Rivas, Gran Premio do Xurado para Violeta se fue a los cielos de Andrés Wood) e Rotterdam, cun dos “Tigres” para De jueves a domingo de Dominga Sotomayor, que acabou sendo o triunfador tamén en Lisboa. No filme, un matrimonio que atravesa un momento delicado na súa relación vai cos dous fillos ao campo durante unha fin semana, nunha viaxe que nos irá desvelando sutilmente o estado das cousas. A referencia é sempre Lucía, a filla maior: o que ela entende e o que intúe, o que sospeita e o que imaxina, o dilatado tempo do traslado (e o inevitábel aburrimento infantil) e as ganas de leria. A abrumadora grandeza da paisaxe serve de fermoso pano de fondo, mais o espazo fílmico concéntrase no interior dun coche nesta road movie na que a verdadeira viaxe vai por dentro, cun rigorosísimo traballo de composición que aproveita maxistralmente xanelas, portas e espellos.

Unha inesperada pegada chilena asomaba tamén nun dos pratos fortes da sección Observatorio: Pablo Larraín (Tony Manero, Post-mortem) é o produtor do novo de Abel Ferrara, 4:44 Last Day on Earth. As 4:44 do título é a hora na que vai acabar o mundo por causa dalgún irremediábel colapso medioambiental, e así se confirma que a apocalipse parece ser unha das grandes tendencias contemporáneas (por algo será). Sumido nunha inesperada serenidade, Ferrara imaxina a extinción da vida de maneira moi relaxada, nunha pacífica aceptación do inevitábel segundo a cal o mellor que un pode facer é compartir as horas que quedan coa persoa amada, caso de Willem Dafoe e Shanyn Leigh no filme, e matar o tempo entregados ás actividades favoritas (entre elas, pintar) e as despedidas. Noutra cruel conta atrás atópanse os reclusos no corredor da morte, coma os que interroga Werner Herzog na excepcional Into the abyss, o achegamento máis sincero e elocuente á pena capital visto en anos. Non se cuestiona a inocencia ou culpabilidade de Michael Perry (executado oito días despois de que gravaran con el unha última conversa) e Jason Burkett (condenado a cadena perpetua), acusados do asasinato dunha enfermeira e con sospeitas sobre outros dous crimes máis; o obxectivo de Herzog é reconstruír sen efectismos dramáticos o relato dos acontecementos e as súas consecuencias para as persoas envolvidas neles, apoiado na súa insuperábel capacidade para a entrevista. Foi o mellor dunha sección que aínda reservaba outras alfaias, como a orixinal recreación que do clásico Wuthering Heights de Emily Brontë fai Andrea Arnold, a anos luz de calquera tentación de acartonamento, ou o estudo sobre os animais coma obxecto das imaxes que é Bestiaire de Denis Côté.

Valérie Massadian, compañeira de Pedro Costa, debuta na longametraxe con Nana, mellor ópera prima no Festival de Locarno. Encantadora e cruel, a película é unha sorte de conto infantil perverso, cunha nena de catro anos sobrevivindo en soidade nun espazo rural idílico e inquietante a partes iguais. Moito menos interesante resulta L'âge atomique de Heléna Klotz, filla de Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, sobre unha (fracasada) noite de farra de dous mozos parisinos que discorre entre discusións e decepcións até que deciden saír da cidade e perderse un pouco polo bosque. Por máis poesía (?) que solten polas bocas o referente que se nos vén á cabeza non é o traballo dos pais de Heléna, senón outro ben máis prosaico (e por certo, de moita máis calidade): o Superbad de Gregg Mottola, do que esta viría ser, en palabras de Jaime Pena, unha versión “chichi” (e este é o momento de recomendarlles, máis unha vez, a entrevista a Hans Hurch en Sight and Sound). Postos a deambular, prefiro a Hani Furstenberg e Gael García Bernal en The loneliest planet de Julia Loktev, malia non funcionar de todo no seu retrato dunha parella de viaxe mochileiro polas montañas de Xeorxia cuxos vínculos mudan abruptamente por un xesto de covardía, tan breve coma imposíbel de rectificar, do home.

Na mesma sección que os títulos anteriores, Cinema emergente, presentouse o groso da participación portuguesa no Indie, este ano máis feble do habitual. Nin da algo insulsa corrección d'A casa de Júlio Alves, o rexistro da construción dunha vivenda centrado nas persoas que traballan na obra, e moito menos do pretensioso diario inzado de citas From New York with Love de André Valentim Almeida, quedará rastro na nosa memoria de aquí a uns meses. Tampouco de Por aquí tudo bem, na que Pocas Pascoal conta unha experiencia que ben puido ser a súa: a de dúas adolescentes angolanas que chegan a Lisboa nos 80 e deben aprender a sobrevivir nunha cidade que non lles regala nada. Son boas as intencións, mais moi fracos os resultados. Algo mellores -non o suficiente- son os de Em segunda mão de Catarina Ruívo, que xoga co intercambio de identidades e ten coma protagonista a Pedro Hestnes, actor de culto (O sangue de Pedro Costa, Xavier de Manuel Mozos) que falecería pouco despois da rodaxe e que xa amosaba unha evidente fraxilidade física. Con xustiza o premio de longametraxe no concurso nacional levouno Jesus por um dia de Helena Inverno e Verónica Castro, que se axusta ao canon do mellor cinema antropolóxico para documentar de xeito honesto e vigoroso a participación de reclusos do penal de Bragança nunha representación tradicional de Semana Santa en Tras-os-Montes. Bastaron 26 minutos, en calquera caso, para dar por xustificada a visita a Lisboa: esa é a duración d'O que arde cura, o primeiro traballo en solitario de João Rui Guerra da Mata. Nunha curiosa relectura d'A voz humana de Jean Cocteau, un home fala por teléfono coa súa parella -da que non saberemos se é home ou muller- na mesma mañá do 25 de agosto de 1988 en que ardeu o Chiado. A voz e o corpo de João Pedro Rodrigues enchen unha curta que vai do íntimo (o final dunha relación) ao colectivo (a memoria dun fito recente na historia do país) para converterse nunha fermosísima chamada á necesidade de comezar de novo, guiada polas imaxes fabricadas por un mago da fotografía, Rui Poças.

Martin Pawley. Artigo publicado no número de xuño de 2012 da revista Tempos Novos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Serán cinza, mais terá sentido (Cinema portugués no Indielisboa 2012)

Calquera visitante que pasara por Lisboa na segunda metade de abril podía levar unha inmellorábel impresión sobre o estado de saúde do cinema portugués. Bastaría para iso con botarlle unha ollada á carteleira diaria que publican os xornais e comprobar de primeira man a presenza modesta mais digna de encomio de filmes con excepcional acollida crítica coma Tabu de Miguel Gomes (dobremente premiado na Berlinale), É na Terra não é na Lua de Gonçalo Tocha (triunfador con escasas semanas de diferenza en festivais tan recoñecidos coma o BAFICI bonaerense, o de San Francisco e Documenta Madrid), Linha vermelha de José Filipe Costa (mellor filme portugués na anterior edición do Indielisboa) e A vingança de uma mulher de Rita Azevedo Gomes (visto en Rotterdam a comezos de ano, despois da súa estrea en Estoril). Ademais destes, outros títulos da produción nacional aspiraban a obter bos rexistros nas billeteiras con propostas de carácter máis popular: Florbela de Vicente Alves do Ó, con perto de corenta mil espectadores, e a finalmente menos exitosa Assim assim de Sérgio Graciano. E os paneis publicitarios das estacións de metro anunciaban a inminente estrea de Capitães da Areia de Cecilia Amado e Guy Gonçalves e A teia do gelo de Nicolau Breyner. Un esplendoroso renacemento fílmico, cabería imaxinar. En 2011, os filmes portugueses venderan en total 103880 entradas, con Sangue do meu sangue de João Canijo á cabeza do top ten; un resultado extremadamente pobre [1] que deixaba a produción nacional cunha raquítica cota de pantalla do 0,7%, cifra que serve de seu de metáfora dunha industria necesitada de apoio (tamén social) para o seu desenvolvemento. Pouco máis de cinco meses serán suficientes para superar esa catastrófica marca: no que vai de 2012, e segundo o último reconto do ICA, actualizado até o 23 de maio [2], o cinema portugués vendeu xa 96877 entradas. Non está mal.

Os éxitos en festivais internacionais moveron á mesmísima Assembleia da República a facer un acto público de parabéns. Convidaron aos xa citados Miguel Gomes e Gonçalo Tocha e ao novísimo João Salaviza, Oso de Ouro na Berlinale con Rafa. Ao seu paso pola sede parlamentaria non dubidaron en invocar o verdadeiro estado da cuestión: a “situação de calamidade no sector do cinema” con “feitos e conquistas que são resultado de uma política cultural que, neste momento, está interrompida», en palabras de Gomes, remarcadas logo pola advertencia de Salaviza: «o sucesso que estamos a celebrar hoje não acontecerá nos próximos anos». A rotundidade destas afirmacións explícase pola parálise case total da industria portuguesa, que neste momento mesmo carece dunha Lei do Cinema, sometida a discusión pública máis tempo do debido sen necesidade aparente (conta co apoio maioritario dos profesionais) e que no mellor dos casos non se publicará até o mes de xuño. Aínda máis grave é a incapacidade, por falta de fondos, do Instituto do Cinema e Audiovisual para convocar novas subvencións, ou o que é peor, para satisfacer os compromisos adquiridos nos concursos de 2010 e 2011. Non é que haxa menos diñeiro para o apoio á produción, senón que literalmente non hai nada. O malestar acumulado no sector reflectiuse nun manifesto co significativo título Cinema Português: Ultimato ao governo e nunha acción singular: a proxección pública o pasado 9 de maio dunha montaxe que homenaxeaba un século de cinema nacional, enfronte do edificio da Assembleia da República, e cos espectadores sentados nas súas escalinatas. A dimisión, coñecida uns días despois, de José Pedro Ribeiro e Leonor Silveira, director e subdirectora do ICA, e a convocatoria doutras accións de protesta, precipitou unha reunión do Secretario de Estado de Cultura, Francisco José Viegas, cun grupo de asinantes do ultimato, representantes da Associação Portuguesa de Realizadores e a Associação dos Produtores de Animação. Nese encontro Viegas garantiu a discusión na Assembleia da Lei do Cinema antes das vacacións de verán, apuntou a posíbel abertura de concursos no ICA este mesmo ano e asegurou estar traballando nun “plano de emergência” que servira para paliar as dificultades financeiras do Instituto e así atender as obrigas contraídas. O tempo dirá se esas promesas se verifican en breve e en que medida, mais a consecuencia da crise é evidente: despois dunha sorprendente primavera de estreas, a curto prazo apenas haberá filmes portugueses en circulación, nin bos nin malos, pois cóntanse cos dedos os proxectos e rodaxes en marcha [3].

Esta debilidade actual deixouse notar xa na competición nacional de longametraxes do Indie, limitada a cinco filmes dos cales tres son documentais de (moi) pequenas dimensións. É o caso do de Júlio Alves, A casa, que rexistra a construción dunha vivenda e préstalle atención aos seus primeiros moradores: os obreiros brasileiros que participan na súa edificación. O director fainos partícipes das rutinas de traballo e dos tempos mortos; atende as conversas cotiás e descóbrenos aspectos das vidas dos protagonistas. O ánimo observador deriva de cando en cando en contemplativo para entreterse cunhas nubes que asoman entre as estruturas por cubrir. Nada que non viramos antes, por outra parte. Máis pretensioso resulta From New York with Love de André Valentim Almeida, unha sorte de diario/ensaio sobre o individuo, a cidade e a creación de imaxes que intenta moitas cousas (demasiadas) e fica afogado entre citas de Roland Barthes, Susan Sontag e Robert Bresson e un ton cínico e resabido.

Por aquí tudo bem de Pocas Pascoal non é, con certeza, un bo filme, aínda que ninguén poderá discutirlle a súa boa vontade. Inspirada na súa propia experiencia, a directora relata as penurias de dúas adolescentes angolanas que chegan a Lisboa nos 80 fuxindo da guerra civil. Maria e Alda aprenden a sobrevivir nunha cidade que non llelo pon fácil; pasan fame e dormen en locais abandonados, mais non deixan de soñar cun mellor porvir e disimulan a súa miseria nas conversas telefónicas que conseguen manter coa nai (de aí o título). A falta de pericia narrativa e a pobreza fotográfica son innegábeis, tanto como a sincera convicción que demostran as súas actrices principais, Ciomara Morais e Cheila Lima.

É maior a ambición autoral de Em Segunda Mão de Catarina Ruívo, mais os resultados fican lonxe de ser satisfactorios. Jorge, escritor de novelas románticas, escoita un disparo no cuarto contiguo ao seu nun precario hostal; a seguir discute absurdamente co recepcionista sobre a necesidade de chamar a policía e unhas horas despois recibe unha gravadora cunha intrigante mensaxe que o pon en contacto cunha muller, Laura, que vén de ser abandonada polo marido, e o seu fillo pequeno, André. Jorge namórase de Laura e desexa formar parte da súa vida; renuncia á escritura e acaba por ocupar o lugar do home ausente. O filme xoga coa idea do intercambio de identidades e ten no reparto a súa principal virtude, nomeadamente o protagonista, Pedro Hestnes, lembrado pola súa participación en O sangue de Pedro Costa ou Xavier de Manuel Mozos. A súa febleza física era xa nesa altura notoria (faleceu pouco tempo despois), mais por si só atrae a atención toda dunha película con demasiadas fraquezas e incongruencias. A sensación é que non estaría de máis unha remontaxe que alixeirase a súa espesura e resolvese algunhas solucións rudas.

O premio no apartado de longametraxes foi parar ao mellor dos vistos: Jesus por um dia de Helena Inverno e Verónica Castro (con produción de O som e a fúria). Convén recalcar que non foi “a decisión menos mala”, senón unha magnífica decisión de seu, pois o documental é realmente bo. Na tradición do mellor cinema antropolóxico, sen voz en off nin subliñados de ningunha clase, Jesus por um dia ocúpase dunha representación de Semana Santa en Trás-os-Montes, que debido á progresiva perda de habitantes da rexión na actualidade se mantén unicamente grazas á participación de reclusos do penal de Bragança. Dos moradores do cárcere non saberemos apenas nada, nin falta que fai; as directoras concentran as súas enerxías no seu obxectivo: a exploración, con rigor e naturalidade, do ritual, os preparativos, as reunións previas e a convivencia -por un día- dos presos e os veciños.

Motivos para a alegría houbo uns cantos na selección de curtas. Case é inevitábel comezar falando do xenuíno golden boy Joao Salaviza, que suma o Oso da Berlinale xa citado á Palma de Ouro que gañara en Cannes 2009 con Arena. Os seus tres traballos -os dous citados máis Cerro negro- teñen todo o que debe posuír un gran filme e proban, un tras outro, o talento inmenso do cineasta para moverse no territorio do cinema social sen caer no moralismo nin pecar de excesiva distancia. A Salaviza interésanlle os desherdados da fortuna, as persoas “que sentem algum tipo de desconforto em relação ao sítio onde vivem” e “partem sempre para deambulações algo inconsequentes”. En Arena era un home (Carloto Cotta) en arresto domiciliario que marchaba de casa para recuperar o diñeiro que lle roubaran e vingar a afronta, e no intento redescubría o gozo efémero de estar en liberdade. Rafa é un rapaz de trece anos que sae na busca da súa nai ao ver que esta non dá regresado á casa na que viven no extrarradio lisboeta. No tránsito entre a infancia e a idade adulta, acelerada polas duras circunstancias que lle toca experimentar, Rafa irá padecendo ao longo das horas o absurdo dos procedementos burocráticos -sensacional o interrogatorio na comisaría- e a crueldade implícita dun sistema que fabrica máis problemas dos que resolve. O peso do filme recae no debutante Rodrigo Perdigão, verdadeiramente memorábel. A outra curta de Salaviza no Indie, Cerro Negro, Premio Obviosom/Gripman/Restart, é unha encomenda da Fundação Calouste Gulbenkian que forma parte do programa Próximo Futuro, ao que tamén pertence unha excelente peza da paraguaia Paz Encina, Viento Sur. Máis dous seres descolocados, desta volta un casal brasileiro: o home na prisión de Santarém e a muller que vai visitalo sen o fillo. A mesma precisión de sempre, o mesmo soberbio traballo cos actores, para completar unha triloxía involuntaria e de máxima coherencia. Haberá que ver como sae desta Salaviza.

Non sen certa sorpresa, Cama de gato de Filipa Reis e João Miller Guerra levou o premio destinado á mellor curta portuguesa. É fácil deixarse seducir por esta ficción de aire documental sobre unha nai adolescente: a vida alegre e triste dunha moza con bebé a bordo, encarnada con solvencia por Joana Santos, que con enorme espontaneidade lle dá ao personaxe as doses de fortaleza e vulnerabilidade que precisa. Menos convincente foi o premio FNAC Novo Talento para Salomé Lamas por Encounters with Lanscape (3x), proposta contemplativa máis molesta que radical, e en calquera caso menos irritante que La chambre jaune, exercicio auto-referencial de André Godinho que invoca en van a Bresson. Nunca consigo entender o que fai Edgar Pêra, e One way or another (Reflections of a psychokiller) non é unha excepción. Luz da Manhã de Claudia Varejão une tres xeracións de mulleres dunha mesma familia; un inexplicado desencontro xurdirá despois dun momento de pracer no río, que xustifica a existencia de imaxes fermosas que non evitan unha sensación xeral de indiferenza. A sorpresa máis agradábel déunola Pedro Peralta con Mupepy Munatim, que segue o retorno a Portugal dende Francia dun home na procura do lugar onde está enterrada a súa nai. A súa viaxe é unha sorte de peregrinación, e o seu desexo de facerlle á nai unha tardía homenaxe fúnebre termina sendo un acto afirmativo, de comuñón coa vida.

O mellor filme da sección -e posibelmente tamén o mellor dos que coñecín no Indie, en xeral- é o primeiro que dirixe en solitario João Rui Guerra da Mata, O que arde cura. Na mañá do 25 de agosto de 1988, o día que ardeu o Chiado, un home fala por teléfono coa súa parella, non sabemos se un home ou unha muller (e tanto dá); a relación chega ao seu fin e na conversa asoman os reproches. O referente explícito é A voz humana de Jean Cocteau, mais Guerra da Mata reconduce o monólogo (ou para ser máis exactos, a parte de diálogo que escoitamos) a dimensións máis amplas e profundas, tamén políticas: a relación de amor e odio vale tamén para Portugal (“odeio este pais atrassado”, di o protagonista). Hai unha necesidade de romper co pasado e empezar de cero, “sem merdas”, tal e como revela o propio título: a terra precisa ser queimada para ser labrada de novo e as cinzas “servem de adubo”, aínda que a esperanza coexistirá sempre coa saudade dos tempos idos, do que non volverá ser. Guerra da Mata regálalle o personaxe principal ao director co que leva colaborando moitos anos, João Pedro Rodrigues; recréase no seu corpo e na súa voz mentres deambula polo cuarto, no que se proxectan imaxes que transforman ese único escenario nunha fermosa vídeo-instalación, apoiado na espectacular fotografía de Rui Poças, cuxa excelencia xa coñecíamos polas películas de Rodrigues e Gomes. Por riba do seu abraiante coidado visual, O que arde cura é unha poderosa chamada a suturar as feridas, as íntimas e as colectivas, e iso fai del un filme necesario, aquí -sexa cal for o “aquí”- e agora.

Notas
[1] O total semella aínda máis pobre se lembramos que deses cen mil billetes algo máis dun 20% foron para dúas obras que tiveron a súa estrea o ano anterior e seguiron arrastrando público durante varios meses máis, Filme do desassossego de João Botelho e José e Pilar de Miguel Gonçales Mendes.
[2] Merece eloxio o rigor do Instituto do Cinema e o Audiovisual, que actualiza os datos de recadación das salas portuguesas un par de veces por semana e compila de xeito modélico a información referida á produción nacional. Nada que ver coa opacidade habitual en España e o preguiceiro e inaceptábel comportamento do ICAA ao respecto.
[3] Aínda hai varios filmes de interese pendentes de estrea: Deste Lado da Ressurreição de Joaquim Sapinho (vista en Toronto 2011), as aínda inéditas Se eu fosse Ladrão… Roubava de Paulo Rocha e o documental Esquecimento de João Vladimiro; e, por suposto, os novos traballos de Manoel de Oliveira (Gebo e a sombra, probabelmente en Venecia), João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata (A última vez que vi Macau) e Pedro Costa (que aínda ha tardar).

Martin Pawley. Artigo escrito para a revista dixital de cinema A Cuarta Parede.

Chuzame! A Facebook A Twitter