Autobiografia de Peque Varela

por Alberte Pagán

Nunca cheguei a entender o paradoxo do gato de Schrödinger, aquel que di que um gato encerrado numha caixa opaca cum 50% de possibilidades de ser envenenado está à vez vivo e morto, até que abramos a caixa e o só feito de observarmos o interior faga que o gato se decante por um dos dous estados: ou vivo ou morto. Sempre me custou entender por que nom se pode fazer o experimento cumha caixa transparente que nos permita observar a superposiçom dos dous estados.


No experimento de Schrödinger o gato está morto e vivo a um tempo.

Porém, após ver Gato encerrado, de Peque Varela, todo resulta mais claro. Gato encerrado é esse caixom transparente que nos permite comprender à perfeiçom a simultaneidade do estado “vivo” e o estado “morto”. O que fai Varela é substituír a física cuántica polas políticas sociais, convertendo Gato encerrado numha fábula com mensage, numha parábola política.

A anédota é simples: Um gato do sul, pai de família pobre, ve-se obrigado a emigrar ao norte, mas na fronteira topa-se co impedimento de que só tem 7 vidas, e nom 9 como é a norma no país receptor (curiosamente, comentou Varela durante a apresentaçom dos seus trabalhos no Cineclube de Compostela, os gatos tenhem 9 vidas nos países poderosos: Reino Unido, Israel, EUA). Após muitas solicitudes e burocracias, e outras tantas desventuras que acabam coas suas 7 vidas, o gato remata encerrado numha caixa, morto e vivo a um tempo, morto porque consumiu as suas 7 vidas de orige, e vivo porque está à espera de que se lhe reconheça o seu direito a duas vidas mais. É o que se chama estar num limbo administrativo ou numha terra de ninguém burocrática.


"Cidadania 7" em Gato encerrado.

A idea é brilhante. Com grande simplicidade narrativa (e uns debuxos igualmente singelos, de traços definidos e cores planas), Gato encerrado utiliza a animaçom aparentemente mais infantil para desvelar sutilmente a injustiça das leis migratórias europeas, a xenofóbia e as desigualdades sociais: no berce da socialdemocracia segue a haber discriminaçons raciais, bem reflectidas polos dous tipos de cidadania existentes (“cidadania 7” da gente imigrante e “cidadania 9” dos países do norte), umha image a primeira vista simbólica mas que se ajusta perfectamente ao kafkiano mundo da burocracia, essa máscara da discriminaçom.


1977: "Já es umha mulher"

Gato encerrado destila sinceridade. Intuímos que Peque Varela, galega emigrada a Inglaterra, está a falar de si mesma. Este aspecto autobiográfico é mais óbvio na sua anterior película, 1977, que toma o título do ano do seu nacimento em terras ferrolás. 1977 é pura autobiografia, desde o nacimento até a madurez, desde o sofrimento causado polas imposiçons sociais, morais e sexistas até a liberaçom final. (Resulta doado entender a própria película como um elemento libertador mais.) Realizada desde o exílio, é um canto nostálgico à terra da sua infáncia, às paisages que conformárom o seu ser, às ruas das que desfrutou e nas que padeceu insultos. Reflicte a um tempo tanto a saudade dos bons momentos como a memória das injustiças, tenhem cabida nela tanto as gaivotas atlánticas como o acidente da ponte das Pias. 1977 é um berro de raiba e umha chamada de atençom sobre a opressom social e a homofóbia. 1977 conta-nos o processo de liberaçom da protagonista (que é fotograficamente a própria Varela), mas é a um tempo ela mesma, a película, umha arma emancipadora. É o seu carácter didáctico o que a achega ao cinema militante.

Gato encerrado é a continuaçom de 1977: superadas as imposiçons sociais e reivindicada com orgulho a sua própria identidade vemos a Peque, agora na pel dum gato, buscando melhor vida num novo país. Mas algo me di que o motivo desse autoexílio nom foi exclussivamente económico e si tivo muito que ver a discriminaçom sofrida por raçons da sua orientaçom sexual. Ironicamente, chegada a umha terra (algo mais) livre de prejuíços (Londres, ponhamos por caso), a nossa protagonista tem que sofrer um novo tipo de discriminaçom co que nom contava.


1977 mistura a image fotográfica coa animaçom

Mas as películas som muito diferentes: o traço limpo de Gato encerrado resulta por momentos demasiado aséptico, mentres 1977 mostra umha alegre mistura de técnicas, incorporando a image fotográfica (e cinematográfica) num entorno de debuxos animados. Nesse senso 1977 é mais orgánica e mais viva, correspondendo-se cum argumento que sai das vivências mais íntimas, entanto Gato encerrado resulta mais plástica, ao tempo que menos directamente persoal, no seu desenho dum mundo distópico nom afastado do de The Matrix. Se polo tema (parábola social) se achega ao cinema do seu mestre confesso Phil Mulloy, na técnica excessivamente polida afasta-se decididamente del. Ambos despreçam a animaçom da factoria Disney (Peque de palavra, Mulloy de maneira gráfica em Intolerance III, numha simpática cena na que se utiliçam películas de Disney para torturar e fazer confessar aos membros dumha seita), mas Gato encerrado, com toda a sua brilhantez, tem umha textura demasiado impoluta para o tema que trata.


O cinema de Disney como ferramenta de tortura em Intolerance III (Phil Mulloy).

A menor definiçom, a maior “sujidade” de 1977 tem um antecedente na breve Phace, na que de igual jeito se mistura debuxo com fotografia para reflectir, de jeito mais sintético e poético, a loita interna dumha mulher por superar insatisfacçons próprias ou inducidas.


Animaçom e fotografia em Phace.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Mutacións

O sábado 2 de xaneiro de 2010 Xornal de Galicia publicou un artigo meu no que falaba de varios filmes de cineastas galegos en diferente fase de produción. Dende onte está en salas comerciais de Madrid, Barcelona e A Coruña Todos vós sodes capitáns, unha das obras citadas e que en virtude do seu prestixio crítico e ampla difusión en festivais internacionais xustifica por si soa a atrevida frase inicial daquel texto (“Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego”). Falaba tamén de Gato encerrado, a impoñente curtametraxe de Peque Varela que uns meses despois competiría en Xixón, no Expotoons de Bos Aires e no certame da cinemateca uruguaia; de Canedo de Vicente Vázquez e Usue Arrieta, os QQ, gañadores este ano do proxecto X Films do festival Punto de Vista e dun premio da Fundación José García Jiménez; e tamén de Vikingland, a primeira longametraxe de Xurxo Chirro que forma parte da competición internacional do próximo FIDMarseille.

A xulgar pola súa escasa pegada na prensa, con honrosas excepcións como a que teñen entre as mans, este novo fito parece ter pasado inadvertido. Na súa historia recente o FID Marseille premiou autores xa indiscutíbeis coma Jia Zhang-ke, Wang Bing, Chantal Akerman, Patricio Guzmán ou Frederick Wiseman. A sección oficial que cada ano presenta o certame que dirixe Jean-Pierre Rehm alimenta moitas outras citas cinematográficas, e non só no ámbito do documental. Os filmes mellor acollidos no FID atopan oco en Xixón, Pamplona, no DocLisboa ou no Festival dei Pópoli; sen ir máis lonxe, foi aí onde tivo lugar a premiere mundial da que foi logo gran triunfadora do Bafici 2011, Qu’ils reposent en révolte (des figures de guerres) de Sylvain George. Con certeza Marsella será para Vikingland o primeiro porto dunha longa e enriquecedora singradura festivaleira.

O traballo independente, á marxe da industria e ás veces solitario de Xurxo Chirro, coma antes o de Alberte Pagán –sempre unha referencia– marca un camiño a seguir, posíbel e fértil. É o vieiro elixido por Víctor Hugo Seoane, cuxa seriedade e vontade de traballo proporcionará grandes resultados máis pronto que tarde; o de Ángel Santos, que chegou máis lonxe ca nunca cunha peza feita na casa, Fantasmas #1; o de Lois Patiño, xa unha realidade recoñecida polos Rencontres Internationales Paris-Madrid-Berlin, capaz de integrar na súa cada vez máis fascinante obra ecos dos cineastas que admira –2012 será o seu ano, sen dúbida–; ou o de Marcos Nine, que representa mellor que ninguén o que pode seguir acontecendo aquí e agora se por unha vez a realidade non se encarga de matar a esperanza. O salto que o leva de fabricar hábiles documentais con formato e espírito televisivo a mergullar nun proxecto a contracorrente coma La brecha, cuxo resultado é merecente de aplauso, é a demostración práctica das estimulantes mutacións que están a producirse no noso país; iso que demos en chamar Novo Cinema Galego. Un cinema que ademais de galego e novo é bo, moi bo.

Martin Pawley. Artigo publicado o luns 6 de xuño en Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vangarda en Galicia, si

Botei a tarde do domingo enteira no vello cárcere da Coruña, espazo que acolleu por segundo ano a Mostra de Cinema Periférico, S8 para abreviar, e tan entretido estiven alí dentro que nin me enterei da chuvia. Vin dous traballos de María Ruido, unha actuación de danza contemporánea de Ángela Blanco, Fume, e revisei por enésima vez as obras mestras de Peque Varela, 1977 e Gato encerrado. Perdín o venres a performance de Guy Sherwin e Lynn Loo, mais tiven o pracer de coñecelos (a eles e aos seus pequenos). Asistín ás dúas sesións de Zoe Beloff; a da tarde pareceume mala e a da noite aínda peor, mais agradezo ben a oportunidade de ter visto a súa obra. Porque para poder descanteirar contra os filmes de Zoe Beloff é imprescindíbel velos, e o certo é que até onte eu non coñecía nada desta autora.

Marcelino Fernández Mallo achegouse ao S8 pola mañá e contouno no seu blog. Na mesma anotación apunta a súa incomprensión ante a boa recepción crítica de Todos vós sodes capitáns, que non parece terlle interesado moito, igual que os cadros de Rothko. Estou demasiado perto do filme e do seu director (a quen teño, e con orgullo, por amigo) como para poñerme a dar argumentos contra esa parte do seu post; limitareime, iso si, a precisar que nin no sitio web dos Cines Filmax nin no da produtora, Zeitun Films, se anunciou nunca que a película estivera “en galego”: está falada principalmente en árabe darija e subtitulada en castelán. E en caso de ter dúbidas e querer saír delas o mellor é preguntar, como fixo hoxe comigo Carlos Callón.

Co S8 non teño unha relación tan directa, máis alá da que me corresponde como usuario do festival e por coñecer, dende hai uns cantos anos, aos pais da criatura, Ángel Rueda e Ana Domínguez. Podo ser menos subxectivo na súa defensa, en suma. Vexo con maior distancia as súas virtudes e os seus defectos. Esa distancia non evita que o texto de Marcelino me resulte ofensivo. Para o escritor o S8 e máis nada é todo un: “todo canto hai é prisión”, o cal equivale a desprezar todos, absolutamente todos, os contidos do certame, feito ben curioso tendo en conta que pasou polo cárcere unha única mañá, a do domingo, que non era precisamente o momento de maior actividade. El mesmo o di, “non tiven paciencia para ver ningunha das pezas”. Que foi o que viu, entón? Tan só reparou nas “televisións dos presidiarios”, unha frase que revela ben o seu alto nivel de despiste carcerario.

“Cabreoume comprobar que nunha instalación de vangarda galega, unicamente escoitara falar castelán e francés”, di. A miña experiencia dominical é ben distinta: eu só escoitei falar galego e inglés, no caso de que iso importe (persoalmente, o único que me preocupa das linguas que fala a xente é se son capaz de entendelas ou non). En canto ás obras exhibidas no marco do festival, hai de todo, incluso -pásmense- obras que non teñen idioma, que están máis alá de calquera intento de categorización lingüística. As do mestre Nathaniel Dorsky, por exemplo, nas que a lingua inglesa ás veces non aparece nin no título, caso de Arbor vitae (pregúntome se haberá alguén que a considere por iso unha película latina). Quizais Marcelino non o saiba, mais así como a literatura é unha arte que traballa con palabras, o cinema débese esencialmente ás imaxes. A lingua ten pouco peso, e ás veces ningún, e non falo só dos adorados Dorsky, Hutton, Benning ou Lockhart; penso tamén en Murnau, sen ir máis lonxe. A súa calidade como director varía en función de que fixera filmes con intertítulos en alemán ou con intertítulos en inglés (ou sen intertítulos, caso d'O último)?

Ben sei que para moitos intelectuais, sexa cal for o significado desa palabra, o cinema é unha arte menor, apenas un xoguete de feira para entreter o populacho. Para algúns deles o cinema só é respectábel cando deixa de selo para imitar os modos da literatura, nomeadamente da novela clásica. A esas mentes privilexiadas só lles interesa o cinema que non o é, ese que presta atención unicamente “ao relato” e deixa as imaxes reducidas á condición de mero acompañamento redundante. É importante facerlles notar o equivocados que están e que a ignorancia ten solución (cúrase aprendendo). E que o cinema de verdade é outra cousa, e no contexto do S8 tivemos unhas cantas oportunidades para comprobalo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novo Cinema Galego no CGAC

A etiqueta “novo cinema galego”, tan provocadora como eficaz, foi cobrando peso ao longo dos últimos meses, mais... que hai de novo nese novo cinema? A asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que cada un teña, a vontade de participar nos mesmos debates estéticos e argumentais que sacoden o cinema no resto do planeta. Por primeira vez temos un cinema que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente. Tamén hai críticos, polo xeral fóra dos grandes medios, e mesmo entidades culturais, que perciben estes movementos como unha oportunidade que non hai que perder. Estas xornadas, dedicadas aos novos creadores cinematográficos galegos, constarán de seis sesións que terán lugar ás 19:30 h no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Cada unha delas será presentada por un dos comisarios do ciclo e contará coa presenza do director correspondente. Ao finalizar a proxección de cada filme abrirase un coloquio cos asistentes.

PROGRAMA

28 DE ABRIL
Sesión 1. Peque Varela
Gear (2004, 1 min) + Phace (2005, 1 min) + 1977 (2007, 8 min) + Gato encerrado (2010, 12 min)

5 DE MAIO
Sesión 2. Marcos Nine
Manuscritos pompeianos (2010, 18 min) + Radiografía dun autor de tebeos (2010, 20 min) + Avance da longametraxe La brecha (2011, 20 min)

19 DE MAIO
Sesión 3. Eloy Enciso
No tan buena vista (2002, 9 min) + Funk the Wheel (2003, 7 min) + Isa003 (2003, 7 min) + La clase (fragmento) (2003, 8 min) + Pic-nic (fragmento) (2007, 9 min) + Miércoles (2008, 5 min) + Arraianos (fragmento) (en produción, 12 min)

26 DE MAIO
Sesión 4. Lois Patiño
Recordando los rostros de la muerte (2010, 38 min) + Paisaje-Duración (2010, 10 min) + Paisaje-Distancia (2010, 12 min)

9 DE XUÑO
Sesión 5. Ángel Santos
O cazador (2008, 25 min) + Sara y Juan (2009, 21 min) + Fantasmas #1 (2010, 9 min)

16 DE XUÑO
Sesión 6. DSK: Juan Lesta e Belén Montero
Serie ICONOSCOPIO (2009-2010, 18 min) + Serie PENÍNSULA XY (Ruta x, 2011, 16 min; Ruta y, 2011, 10 min)

COMISARIOS: Acto de Primavera (Martin Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande). COORDINADORA: Gema Baños

Máis información, no sitio web do CGAC e no folleto do ciclo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O verdadeiro debut de Peque Varela

Vinte anos antes de levar a súa maxistral 1977 á competición de curtas do Festival de Sundance, a gran Peque Varela xa fixera o seu debut no mundo da imaxe protagonizando unha secuencia para un libro de texto de lingua galega editado por Xerais, CANLES 5. As fotos son de Inmaculada Reino e naquel libro, coma en tantos outros, andaba metido o mestre Agustín Fernández Paz.

Chuzame! A Facebook A Twitter