La Brecha: filme na procura de espectador

As imaxes de La brecha fican indelebles na memoria do espectador. A todos aqueles que afrontaron o seu visionado non lles queda outra que coincidir en que nos atopamos diante dunha proposta moi “singular”, moi difícil de encasillar, a medio camiño entre a forma documental e a experimental. Marcos Nine con esta longametraxe propón ao espectador o desafío de acompañalo polo seus procesos de procuras e de conclusións que van alén do ámbito artístico e se sitúan á beira da ilustración de cuestións filosóficas. O filme é un ofrecemento de complicidade ao espectador máis o director presenta a dúbida como compañeira de viaxe. Organiza o filme non confiando plenamente nas facultades do espectador, aplicando a (pausible) consideración de que é un axente pouco acostumado a asumir estes tipo de roles activos.

La brecha é un filme que acumula un risco incontestable mais non chega a liberarse de elementos que atenúan posibles resultados. Nun principio poderíamos pensar que nos atopamos diante dun filme moi libre mais existe certo grado de conductismo derivado do seguimento dun proceso plástico que, finalmente, convértese en retórica. Poderíamos pensar que estamos diante do emprego do cinema como unha ferramenta de encapsulación do infraleve artístico. Unha “arte durminte” á semellanza dos posicionamentos modernos da arte contemporánea que se deron no minimal, land-art, performance, happenings… Mais este espíritu transgresor atenúase cunha perspectiva romántica con temas que caracterizan ao “signo de Saturno”: a busca de inspiración, a crise creativa, a soedade do artista, a sistematización dun método, a incomprensión do contexto…

Estes apuntamentos narrativos e psicolóxicos fan demorar en exceso a parte máis interesante do filme que non é outra que a indagación sobre a ruptura que se produce na percepción do dispositivo artístico. O discurso de La brecha sostén que calquera fenda pode producir un efecto figurativo proclive á interpretación. A forma do filme esta cincelada desde unha presenza ínfima de luz. Este proceso pode ser intencionado ou casual mais ofrece ao espectador a necesidade de implicarse cunha lectura desa sicoloxía da forma, na procura dun ideitismo primixenio e suxestivo. Estamos pois, nesta altura da metraxe, diante dun film Gestalt no que o azar da natureza ponse por riba da intencionalidade da creación artística. Obviamente este axioma aristotélico está na base de calquera manifestación artística plástica mais redobra significados na ontoloxía da forma fílmica documental. Neste punto o filme faise acompañar con material de arquivo co que Nine explora significados con metáforas prodixiosas sobre en que consiste o proceso “cautivo” ou “liberador” do espectador. Unha inercia experimental e catártica que predispón ao espectador para alcanzar o inasible da arte.

Xurxo González

Chuzame! A Facebook A Twitter

Piedad: a lembranza triste da memoria perdida

por Miguel Castelo

O CGAI, dentro do seu habitual espazo OFF GALICIA, programou recentemente (19/01/2013) o filme documental Piedad, de Otto Roca. Logo dos títulos de crédito, discretos e cuidados, baixo un fondo negro, non tan intenso como para pensar que a pantalla quedou sen imaxe, unha voz feminina fala en primeira persoa sobre a perda da memoria. Esta situación, que indica con meridiana claridade que se trata dun procedemento narrativo, dun modo expresivo escollido -ás veces, as eivas e os atrancos orixinan brillantes solucións nas que non se pensara- para iniciar o relato cinematográfico, non foi percibido por un espectador próximo que non puido evitar facer partícipes aos espectadores colidantes da evidencia: “No se ve”. Non contento con esta formulación, o moi agudo constatador volvería unha e outra vez no decurso da proxección, malia que prudentemente se lle pediu silenzo, facer comentarios nun volume de voz dabondo alto como para que chegasen alén do seu principal destinatario, a persoa ao seu carón. Feitos como este, dabondo frecuentes, deixan ben ás claras os estragos que a televisión vén facendo na conformación do individuo espectador, que leva á escuridade da sala de cine, espazo público, os hábitos adquiridos no espazo privado do salón da súa casa. Ao tempo, non resulta doado entender a reincidencia destes espectadores da incontinencia verbal, dialogadores en voz alta coa pantalla; a razón da súa presenza, unha e outra vez, nunha sala -privilexio dos coruñeses, que cómpre mimar entre todos- onde as posibilidades de encontro cun filme “raro” son máis que probábeis. Eles saberán. Pero, ben poderían sufrir as súas hemorroides mentais en silenzo.

Así e todo, non me atrevería eu a dicir que Piedad sexa un filme construido desde a rareza. Estamos, iso si, ante unha peza fabricada cos vímbios da paciencia, da sensibilidade, da atenta observación. E desde esta posición, con esta óptica, debe ser contemplado.

É Piedad un documental observacional, no máis estrito sentido da palabra. Un filme produto dunha cámara sempre ben situada, na distancia adecuada sempre; resultado da ollada dun suxeito enunciador que apenas promove e non intervén no percurso dos acontecementos. Unha película de ritmos demorados, adecuados acompañantes do vagaroso camiñar da vida da súa protagonista, Piedad, unha muller achegándose aos oitenta anos, apañada pola doenza terríbel do alzhéimer. Unha muller, xa viúva, dacabalo entre a aldea a cidade, cun notábel grao de autonomía física, e porén dependente do seu fillo, das necesidades e movementos que a vida orixina nel. Así, Piedad, pasa os seus días entre Leiroso, a súa pequena e agora deshabitada aldea do berciano concello de Oencia, á que Amador, o seu fillo menor, acode para aos poucos ir rehabilitando a vella casa familiar, e A Coruña, onde este vive e traballa. Entre os espazos urbanos, principalmente interiores, da casa, un centro de día e mesmo o despacho do traballo do fillo, e os rurais, principalmente exteriores -paisaxe de montaña de grande poder e beleza-, de camiños, corredoiras, souto, lareira, Piedad formula, sen grande dramatismo, a queixa preclara da súa desmemoria. Estraña e paradóxal manifestación da doenza nunha paciente que lembra que perdeu a memoria.

Sabatino (con tres, catro sesións mensuais), o espazo OFF GALICIA adoita acoller traballos da anual produción autóctona. A presentación por parte dos propios autores e un posterior encontro-coloquio co público asistente constitúen o estimulante complemento da proxección.

O cambio de premisa adoptado no decurso da realización -a substitución dos contrastes entre o rural e o urbano, a despoboación do rural e a morte da aldea como unidade vivencial, polo retrato de Piedad e a súa circunstanza vital-, exposto ao inicio do acto con natural modestia polo director, revélao como cineasta dúctil e perspicaz.

Asuntos de interese baralláronse no coloquio: os procedementos e estratexias narrativas, a lingua de expresión dos interviñentes, a azarosa vida da película unha vez rematada, as súas posibilidades de encontro co público, cuestións de ética e privacidade, tamén de orde moral. Entre eles todos, especial atención meréceme a alusión á relación de Amador coa súa nai, que un membro da familia presente, xenro de Piedad e cuñado do fillo, calificou de “historia de amor”. Non resulta precisamente doado valorar desde fóra, coa única información que o filme fornece, esta cuestión. Queda constancia clara de que en todo momento Piedad vive con Amador, baixo o seu cuidado e atención. Mais tamén é meridianamente perceptíbel que en momento ningún hai un especial aceno de afecto, un agarimo do fillo cara a nai. Como tampouco, da esporádica figura feminina adulta por momentos presente en escena de modo fragmentario, nunca se mostra o seu rostro, sinal evidente de que non o desexa. Un particular sentido do pudor e da privacidade, respectivamente, poderíanse atribuir a senllas decisións. En calquera caso, non deixan de ser uns comportamentos que non pasan desapercibidos e que o filme deixa no territorio do enigma.

En Piedad, o seu primeiro achegamento á imaxe cinematográfica, o fotoxornalista pontevedrés (Ribeira de Botos, Lalín) Otto Roca pon de manifesto a súa capacidade como observador da vida, a través dunha ollada subtil, delicada e respectuosa. Que Ximena Losada e Marcos Nine o soubesen ver e se sumasen ao proxecto en marcha, na produción e na montaxe, respectivamente, é o que felizmente fixo posíbel a realidade desta singular e interesante proposta audiovisual.

Chuzame! A Facebook A Twitter

I Premio ACTO DE PRIMAVERA: ARRAIANOS, mellor filme galego de 2012

Este é o resultado final da votación efectuada entre 21 críticos e xornalistas para elixir o mellor filme galego de 2012:

1. Arraianos (Eloy Enciso), 67 puntos, 15 mencións.
2. Montaña en sombra (Lois Patiño), 43 puntos, 12 mencións.
3. Anacos (Xacio Baño), 24 puntos, 6 mencións.
4. La Brecha (Marcos Nine), 20 puntos, 8 mencións.
5. A cicatriz branca (Margarita Ledo), 16 puntos, 6 mencións.
6. Dos fragmentos / Eva (Ángel Santos), 15 puntos, 6 mencións.
7. Los increibles (David Valero), 14 puntos, 4 mencións.
8. Nacional VI (Pela del Álamo), 13 puntos, 6 mencións.
9. Goitik behera, behetik gora (Vicente Vázquez, Usue Arrieta), 12 puntos, 5 mencións.
Fóra (Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas), 12 puntos, 4 mencións.
Lupita (Xurxo Chirro), 12 puntos, 4 mencións.
12. El sexo de los ángeles (Xavier Villaverde), 10 puntos, 3 mencións.
13. Vilamor (Ignacio Vilar), 8 puntos, 2 mencións.
14. O apóstolo (Fernando Cortizo), 6 puntos, 3 mencións.
15. Piedad (Otto Roca), 5 puntos, 2 mencións.
Curta nº 3 (Xoán Escudero), 5 puntos, 1 mención.
17. Fantasmas #2 (Ángel Santos), 4 puntos, 1 mención.
8 (Cris Lores, Belén Veleiro, Ian Lorenzo, Liam Lores, Alberte Pagán), 4 puntos, 1 mención. [Ver vídeo]
19. Fraga y Fidel, sin embargo (Manuel Fernández-Valdés), 3 puntos, 1 mención.
En el movimiento del paisaje (Lois Patiño), 3 puntos, 1 mención.
Imágenes secretas (Diana Toucedo), 3 puntos, 1 mención.
22. Á luzada (Xurxo Chirro), 2 puntos, 2 mencións.
Apocalypse (Alexandre Argibai), 2 puntos, 1 mención.
La mirada del pintor (Rubén Pardiñas), 2 puntos, 1 mención.
25. Personal movie (Héctor Carré), 1 punto, 1 mención.
Avión, el pueblo ausente (María Hervera, Marcos Hervera), 1 punto, 1 mención.
Sefa sound system (Sabela Pernas, Sol Álvarez), 1 punto, 1 mención.
Arrevoa os meus cabelos (Olalla Castro), 1 punto, 1 mención. [Ver vídeo]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hai vida despois dos Capitáns

Os dous premios Goya que obtivo o filme Arrugas e o galardón no apartado de curtas para Birdboy foron amplamente celebrados pola prensa galega e mesmo pola Xunta, co presidente Feijoo disposto a comparar Galicia con Hollywood no ámbito da animación. A cruel realidade, porén, é que un filme coma Arrugas dificilmente alcanzará en salas comerciais a cifra de trinta mil espectadores, un resultado típico do pobre estado actual do mercado cinematográfico en España que en modo algún pode considerarse satisfactorio. Estréanse títulos a feixes, mais a maioría fican condenados a unha total invisibilidade fóra dunhas poucas grandes cidades. É un momento de crise -máis alá da financeira- que obriga a repensar os modelos de produción, distribución e exhibición: o século XX queda moi lonxe. Ao mesmo tempo, en Galicia vivimos un momento de esplendor creativo, con cineastas do país presentes en festivais internacionais, do Xurxo Chirro de Vikingland (Marsella, Mar del Plata, FICUNAM) ao Marcos Nine de La Brecha (BAFICI). As boas noticias seguen (e seguirán) con autores coma Xacio Baño (coa curta Anacos a concurso en Las Palmas) ou Lois Patiño, que ultima a longa Ecos da paisaxe. Hai vida máis alá de Todos vós sodes capitáns: o noso deber agora é darlles a todos eles oportunidade de existir.

Martin Pawley

Artigo escrito para o número de marzo da revista Tempos Novos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O mellor de 2011: Marcos Nine

Marcos Nine é cineasta. A súa primeira longametraxe, La Brecha, estrearase ao longo de 2012.

ESTREADAS EN SALAS COMERCIAIS

1. El árbol de la vida (Terrence Malick)
2. Harry Potter y las reliquias de la muerte. Parte 2 (David Yates)
3. Carlos (Olivier Assayas)
4. Inside Job (Charles Ferguson)
5. Nunca me abandones (Mark Romanek)
6. 13 asesinos (Takashi Miike)
7. Habemus Papam (Nanni Moretti)
8. El Havre (Aki Kaurismäki)
9. Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe)
10. Tralas Luces (Sandra Sánchez)

FILMES SEN DISTRIBUCIÓN OU PENDENTES DE ESTREA

1. The Arbor (Clio Barnard)
2. Nostalgia de la Luz (Patricio Guzman)
3. The Ballad of Genesis and Lady Jaye (Marie Losier)
4. Spark of Being (Bill Morrison)
5. Vikingland (Xurxo Chirro)
6. Color perro que huye (Andrés Duque)
7. La ducha (Mª José San Martín)
8. Anacos (Xacio Baño)
9. Los teleféricos (Federico Actis)
10. Abwesenheit (Ramón Gónzalez Palazón)

Chuzame! A Facebook A Twitter