Vangarda en Galicia, si

Botei a tarde do domingo enteira no vello cárcere da Coruña, espazo que acolleu por segundo ano a Mostra de Cinema Periférico, S8 para abreviar, e tan entretido estiven alí dentro que nin me enterei da chuvia. Vin dous traballos de María Ruido, unha actuación de danza contemporánea de Ángela Blanco, Fume, e revisei por enésima vez as obras mestras de Peque Varela, 1977 e Gato encerrado. Perdín o venres a performance de Guy Sherwin e Lynn Loo, mais tiven o pracer de coñecelos (a eles e aos seus pequenos). Asistín ás dúas sesións de Zoe Beloff; a da tarde pareceume mala e a da noite aínda peor, mais agradezo ben a oportunidade de ter visto a súa obra. Porque para poder descanteirar contra os filmes de Zoe Beloff é imprescindíbel velos, e o certo é que até onte eu non coñecía nada desta autora.

Marcelino Fernández Mallo achegouse ao S8 pola mañá e contouno no seu blog. Na mesma anotación apunta a súa incomprensión ante a boa recepción crítica de Todos vós sodes capitáns, que non parece terlle interesado moito, igual que os cadros de Rothko. Estou demasiado perto do filme e do seu director (a quen teño, e con orgullo, por amigo) como para poñerme a dar argumentos contra esa parte do seu post; limitareime, iso si, a precisar que nin no sitio web dos Cines Filmax nin no da produtora, Zeitun Films, se anunciou nunca que a película estivera “en galego”: está falada principalmente en árabe darija e subtitulada en castelán. E en caso de ter dúbidas e querer saír delas o mellor é preguntar, como fixo hoxe comigo Carlos Callón.

Co S8 non teño unha relación tan directa, máis alá da que me corresponde como usuario do festival e por coñecer, dende hai uns cantos anos, aos pais da criatura, Ángel Rueda e Ana Domínguez. Podo ser menos subxectivo na súa defensa, en suma. Vexo con maior distancia as súas virtudes e os seus defectos. Esa distancia non evita que o texto de Marcelino me resulte ofensivo. Para o escritor o S8 e máis nada é todo un: “todo canto hai é prisión”, o cal equivale a desprezar todos, absolutamente todos, os contidos do certame, feito ben curioso tendo en conta que pasou polo cárcere unha única mañá, a do domingo, que non era precisamente o momento de maior actividade. El mesmo o di, “non tiven paciencia para ver ningunha das pezas”. Que foi o que viu, entón? Tan só reparou nas “televisións dos presidiarios”, unha frase que revela ben o seu alto nivel de despiste carcerario.

“Cabreoume comprobar que nunha instalación de vangarda galega, unicamente escoitara falar castelán e francés”, di. A miña experiencia dominical é ben distinta: eu só escoitei falar galego e inglés, no caso de que iso importe (persoalmente, o único que me preocupa das linguas que fala a xente é se son capaz de entendelas ou non). En canto ás obras exhibidas no marco do festival, hai de todo, incluso -pásmense- obras que non teñen idioma, que están máis alá de calquera intento de categorización lingüística. As do mestre Nathaniel Dorsky, por exemplo, nas que a lingua inglesa ás veces non aparece nin no título, caso de Arbor vitae (pregúntome se haberá alguén que a considere por iso unha película latina). Quizais Marcelino non o saiba, mais así como a literatura é unha arte que traballa con palabras, o cinema débese esencialmente ás imaxes. A lingua ten pouco peso, e ás veces ningún, e non falo só dos adorados Dorsky, Hutton, Benning ou Lockhart; penso tamén en Murnau, sen ir máis lonxe. A súa calidade como director varía en función de que fixera filmes con intertítulos en alemán ou con intertítulos en inglés (ou sen intertítulos, caso d’O último)?

Ben sei que para moitos intelectuais, sexa cal for o significado desa palabra, o cinema é unha arte menor, apenas un xoguete de feira para entreter o populacho. Para algúns deles o cinema só é respectábel cando deixa de selo para imitar os modos da literatura, nomeadamente da novela clásica. A esas mentes privilexiadas só lles interesa o cinema que non o é, ese que presta atención unicamente “ao relato” e deixa as imaxes reducidas á condición de mero acompañamento redundante. É importante facerlles notar o equivocados que están e que a ignorancia ten solución (cúrase aprendendo). E que o cinema de verdade é outra cousa, e no contexto do S8 tivemos unhas cantas oportunidades para comprobalo.