As sutilezas de Jacquot

Un ciclo a cargo do Festival de Cine de San Sebastián e a correspondente publicación en colaboración con Filmoteca Española, permiten recuperar nestes días a figura do cineasta francés Jacques Demy (1931-1990). Procedente de Nantes, Agnès Varda, parella súa desde 1958 até a súa morte, dedicoulle unha fermosa homenaxe en Jacquot de Nantes (1991), emotiva e tenra evocación/ recreación da súa infancia. Fascinado polas artes e o espectáculo (teatro, cine, monicreques, opereta) o filme engarza feitos nada casuais: Jacquot merca unha cámara e realiza un filme afeccionado, ao tempo que crece nun taller no que a todos lles gusta cantar.

Coetáneo e a un tempo periférico do movemento da Nouvelle Vague —como as figuras igualmente eclécticas e lúdicas de Varda, Marker, Resnais ou Malle—, Demy dirixe entre 1955 e 1960 toda unha serie de curtas, a partir de Le sabotier du Val de Loire, mentres traballa en películas publicitarias ou en traballos de asistente, o que o vai levar, en plena efervescencia da Nova Vaga, a realizar unha das pezas capitais do período, Lola (1960), protagonizada por Anouk Aimée, presente nesta edición de Donostia, unha obra coa que inicia unha traxectoria fílmica determinada pola sensibilidade, a introdución de constantes elementos poéticos e o lirismo e orixinalidade da posta en escena. Se neste relato amoroso, primeira proposta de correlación dos compoñentes escenario-marco-personaxes, establece un título referencial –para máis INRI dedicado a Ophuls e próximo a Von Sternberg-, o extraordinario éxito e difusión internacional (Palma de Ouro en Cannes 1964, candidata a catro Oscars) de Los paraguas de Cherburgo (1963), sorprendente e exemplar traballo onde as letras das cancións substitúen aos diálogos para construír unha inesquecible historia de amor, amosa boa parte das constantes da súa traxectoria: a elegancia e imbricación da posta en escena e a fusión dunha miscelánea de elementos; a beleza formal da composición; a fuxida do naturalismo e as convencións asumidas; a importancia dos lugares e orixes xeográficas; a revisitación de escenarios; a itinerancia ou tránsito de personaxes ou situacións; a relación tempo-memoria-espazo ou a forte dimensión autobiográfica.

Lonxe do artificio, o uso musical –como acontece na deliciosa Las señoritas de Rochefort (1966), aderezada polo seu grato reparto (Catherine Deneuve, François Dorleac, Jacques Perrin, Gene Kelly, Georges Chakiris, Danielle Darrieux, Michel Piccoli)- artéllase como un código rigoroso da narrativa establecida por Demy, consentindo antes a súa integración que a superposición ou complementariedade. Como retratista de colectividades singulares, en títulos do interese de La bahía de los ángeles (1963) Demy ofrece un observatorio dos síntomas da decadencia moral, unha aproximación á complexidade dos sentimentos outeando nese caso o microcosmos do xogo. Creador dunha cartografía propia, un universo ou mapa imaxinario na procura de mundos novos polo que se integrarían Nantes, Cherbourg ou Rochefort, pero tamén a reinvención dos Estados Unidos (Model Shop, 1969), Demy sagazmente fuxirá cara a universos fantásticos, desde a fábula inspirada en Charles Perrault Piel de asno (1970), onde mergulla de novo no tema do destino e a intervención de figuras simbólicas equivalentes ás fadas, até a versión de “El flautista de Hamelín” The pied piper (1971, estreada en Francia en 1975), protagonizada polo cantante Donovan, pasando polo delirio orixinal —o home preñado— de No te puedes fiar ni de la cigüeña (1973).

Lembrando o adolescente precoz acompañado dunha cámara, Demy aínda regresará nun título cantado ao seu Nantes querido en Une chambre en ville (1982). Amante do cinema de Cocteau, Bresson, Ophuls, Minnelli, Renoir ou Welles, tal e como dixo Pascal Bonitzer, o autor constrúe unha “arte do signo”, na que o canto, ademais do sabio distanciamento brechtiano, produce unha “incandescencia dos signos, a arte de conducilos á súa máxima potencia sen consumilos”.

José Manuel Sande

Chuzame! A Facebook A Twitter

O mellor filme francés do ano é portugués

Mistérios de Lisboa de Raúl Ruiz obtivo onte o Premio Louis Delluc, que dende o ano 1937 distingue a mellor produción francesa do ano. Naquela edición o triunfador foi Jean Renoir por Les Bas-fonds, primeiro nome ilustre dunha listaxe inzada de cineastas gloriosos: Marcel Carné (Le quai des brummes, 1939), Jean Cocteau (La belle et la béte, 1946), Robert Bresson (Journal d'un curé de campagne, 1950), Jacques Tati (Les vacances de Monsieur Hulot, 1953), Henri-Georges Clouzot (Les diaboliques, 1954), René Clair (Les grandes manoeuvres>, 1955), Albert Lamorisse (Le ballon rouge, 1956), Louis Malle (Ascenseur pour l'echafaud, 1957; Au revoir les enfants, 1987), Jean Rouch (Moi, un noir, 1958), Jacques Demy (Les paraplouies de Cherbourg, 1963), Agnès Varda (Le bonheur, 1964), Alain Resnais (La guerre est finie, 1966; Smoking / No smoking, 1993; On connaît la chanson, 1997), Michel Deville (Benjamin, 1967; La lectrice, 1988); François Truffaut (Baisers volés, 1968), Eric Rohmer (La genou de Claire, 1970), André Delvaux (Rendez-vous à Bray, 1971) Bertrand Tavernier (L'Horloger de Saint-Paul, 1973), Paul Grimault (Le roi et l'oiseau, 1980), Maurice Pialat (À nos amours, 1983), Jean-Luc Godard (Soigne ta droite, 1987), Otar Iosseliani (Adieu, plancher des vaches !, 1999), Claude Chabrol (Merci pour le chocolat, 2000), Nicolas Philibert (Être et avoir, 2002), Arnaud Desplechin (Rois et reine, 2004), Philippe Garrel (Les amants reguliers, 2005), Raymond Depardon (La vie moderne, 2008) ou Jacques Audiard (Un prophète, 2009).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Residente privilexiada

“Nostalxia? Non teño tempo para iso. Non teño tempo tampouco para pensar no futuro”. Isto dicía a actriz galega María Casares nunha entrevista concedida a Manuel Rivas hai cousa de quince anos, dous antes de morrer. Na mesma conversa en que negaba a morriña confesaba a súa incapacidade para regresar a Galicia e “poñerse en orde” co país da súa nenez, a súa verdadeira patria. Tiña medo de perder “ese tesouro da infancia que me nutre sen parar”, de que desaparecese ao tocalo, coma nos contos tristes. “O odio é algo que non coñezo”, engadía, mais todos sabemos que hai feridas que é imposíbel que as dea curado o tempo.

María Casares foi unha gran dama do teatro en Francia. Tamén fixo películas, non demasiadas, mais si algunhas de inmensa calidade. A filla de Santiago Casares Quiroga debutou na gran pantalla nun filme de Marcel Carné que acabou por convertirse nun dos clásicos de referencia do cinema francés, Les enfants du paradis; era en 1945, tan só nove anos despois de fuxir de España co seu pai tras o alzamento fascista que acabou co soño da República. Traballou logo ás ordes dun cineasta excepcional, Robert Bresson, en Les dames du Bois de Boulogne, e a seguir encarnou o personaxe de Sanseverina na máis que correcta versión de La Chartreuse du Parma que rodou Christian-Jaque, co lembrado Gerard Philipe coma protagonista. Jean Cocteau viu nela a Morte que requería o seu memorábel Orfeo, e nesa mesma altura púxolle voz e sentida emoción á curtametraxe Guernica de Alain Resnais. Calquera deses títulos é razón abondo para que ocupe un posto de privilexio na memoria cultural dos galegos, mais o caso é que a María Casares aínda non se lle tributou aquí un recoñecemento como é debido, por máis que o seu nome sexa o que levan os premios do teatro. A editorial Trifolium vén de publicar na nosa lingua o seu libro de memorias, Residente privilexiada; oxalá sirva para que empece a ocupar o lugar que lle corresponde.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós do Xornal de Galicia o sábado 14 de marzo de 2009

Chuzame! A Facebook A Twitter