Unha ducia de citas cinematográficas en 2013

The Grandmaster (Wong Kar-wai)
Por máis que My blueberry nights provocara algunhas dúbidas entre os seus devotos admiradores, o autor de Happy together, In the mood for love ou 2046 sempre merecerá a nosa atención. Longamente agardado, The Grandmaster, inaugurará dentro dunhas semanas o Festival de Berlín e xa tivo estrea (exitosa) en Hong-Kong. Inspirado na vida do mestre de artes marciais Ip Man -”o home que entrenou a Bruce Lee”-, o seu trailer xa apunta o extremo esteticismo que agardamos do filme. No elenco, nomes habituais do director coma Tony Leung, Chang Chen e Zhang Ziyi. As primeiras críticas, aquí.

Before Midnight (Richard Linklater)
A noticia de que un terceiro encontro de Celine e Jesse (Julie Delpy e Ethan Hawke) fora rodado en Grecia de maneira case secreta foi unha das máis gratas sorpresas que levamos en 2012 os fervorosos seguidores da parella. O filme vén de ser presentado no Festival de Sundance e terá a súa premiere internacional na inminente Berlinale.

Terence Malick
Acollida con disparidade de opinións na pasada Mostra de Venecia, To the wonder estréase comercialmente en diversos mercados nos próximos meses (en España lévaa Vértigo). O xenial e elusivo Terence Malick tíñanos acostumados a deixar pasar moitos anos entre proxecto e proxecto, mais dun tempo para acó o seu ritmo de traballo é febril: ten dous filmes en marcha (Knight of cups e outro aínda sen título definitivo) e en 2013 probabelmente vexamos algún deles (ou quizais os dous) en grandes festivais. Eu sigo babeando ao pensar no seu filme científico, Voyage of time

Jean-Luc Godard en 3D
E con iso xa está dito todo. Información concreta e de fiar, pouca. Está a curta que lle encargou Guimarães - Capital Europeia da Cultura, nalgún momento chamada Les trois désastres, e en paralelo a produción dunha longa co título Adieu au langage que debería verse en Cannes se non o impiden razóns de tipo grego.

Los amantes pasajeros (Pedro Almodóvar)
O cineasta manchego parece regresar ao terreo cómodo da comedia dos oitenta cun filme cheo de rostros coñecidos. O teaser dá bastante medo, mais despois da excepcional La piel que habito estou disposto a tolerarlle calquera cousa. O 8 de marzo saímos de dúbidas.

Freezing People is Easy (Errol Morris)
Un dos grandes do documental contemporáneo, autor de obras tan valiosas coma Gates of Heaven, The thin blue line, A brief history of time, The fog of war ou a máis recente Tabloid, regresa á ficción cunha comedia negra baseada nun libro do pioneiro da crioxenia Robert Nelson, We Froze the First Man. Máis apetecíbel aínda ao sabermos que os protagonistas son Paul Rudd, Owen Wilson e Kirsten Wiig.

Pedro Costa
A curtametraxe Sweet exorcist incluída en Centro histórico é un dos cumios da arte de 2012. Mais, polo que sabemos, a curta é só unha parte dun proxecto maior, unha nova longametraxe no “universo Fontaínhas” ao que volveu varias veces dende 2006 (Tarrafal, A caça do coelho com pau, O nosso homem). Quen sabe se estará lista en 2013 ou haberá que agardar aínda varios anos, mais estar estaremos atentos: a min xa me tarda volver a ver na pantalla grande a Ventura, tótem esencial do cinema contemporáneo.

Rodaxes na Arxentina
Para 2013 teñen programadas rodaxes na Arxentina moitos directores interesantes: Pablo Trapero, Santiago Mitre, Anahí Berneri, Pablo Stoll, Adrián Biniez... Mais eu estarei especialmente atento ao que faga Lucrecia Martel, á segunda longametraxe de Milagros Mumenthaler despois da maxistral Abrir puertas y ventanas, e, sobre todo, ao novo filme do meu venerado Lisandro Alonso con Viggo Mortensen.

Oliveira, Resnais
Aínda que en 2012 nos deu algúns sustos cos seus puntuais ingresos hospitalarios, Manoel de Oliveira segue en activo aos 104 anos e capaz de ofrecernos obras mestras coma O Gebo e a sombra. Confiamos en que teña saúde abondo para sacar adiante o seu proxecto brasileiro, A Igreja do Diabo, protagonizado por Fernanda Montenegro, non precisamente unha rapariga. Non descansa tampouco Alain Resnais, que uns meses despois de estrear en Cannes a intelixente Vous n'avez encore rien vu, xa empezou a traballar na seguinte, cun título que inspira bos augurios: Aimer, boire et chanter.

Historia de la meva mort (Albert Serra)
O Conde Drácula e Casanova son os personaxes principais do novo filme de Albert Serra, que en condicións normais debería representar a súa terceira visita ao Festival de Cannes despois de Honor de cavalleria e El cant dels ocells. Nos esperedes vela no multiplex máis próximo.

Portugal
A cinematografía coa maior proporción de obras mestras por filme producido vive tempos extremadamente difíciles, mais aínda así convén mirar para ela, coa certeza de que sempre acaban aparecendo sorpresas. Entre as obras que sabemos que chegarán, dúas curtas de João Pedro Rodrigues: Mahjong, codirixida con João Rui Guerra da Mata (produción do Campus-Estaleiro do Curtas de Vila do Conde), e o seu “filme galego”, O corpo de Afonso, rodado en parte na Coruña e Vigo en xullo de 2012. En 2013 celebraremos ademais os primeiros dez anos dun festival exemplar, o Indielisboa.

Novo Cinema Galego
As condicións para a creación fílmica non son mellores en Galicia, nun contexto de recortes sádicos en cultura. Aínda así, os autores que teñen algo que contar non se deteñen. O primeiro fito de 2013, a estrea no Festival de Rotterdam d'O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia. E -xa o aviso- non será a única gran noticia do ano.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente en Praza.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O mellor de 2012: Miguel Valverde

Miguel Valverde é programador e codirector do Indielisboa.

Sem ordem de preferência

Leviathan (Verena Paravel, Lucien Castaing-Taylor)
Tabú (Miguel Gomes)
Amour (Michael Haneke)
Museum Hours (Jem Cohen)
O som ao redor (Kleber Mendonça Filho)
De Jueves a Domingo (Dominga Sotomayor)
Everybody in our family (Radu Jude)
Bestiaire (Denis Côté)
Avanti Popolo (Michael Wharman)
Manhã de Santo António (João Pedro Rodrigues)

Chuzame! A Facebook A Twitter

O som, a fúria, a alegria


Ana Moreira e Carloto Cotta en TABU (Miguel Gomes, 2012; O som e a fúria)

En canto prendín o ordenador hoxe pola tarde púxenme a buscar opinións sobre a estrea na Berlinale do filme Tabu de Miguel Gomes. Revisei moitas mensaxes de twitter, localicei algunhas anotacións en blogs e finalmente tiven referencia directa de coñecidos e amigos. Souben do entusiasmo de Sergio Wolf e logo o de José Luis Losa (“cine primordial”, “una obra que desmocha caminos de libertad en la creación cinematográfica”, “afirmacion mayúscula de Miguel Gomes”, “una de las más originales sublimaciones del melodrama que haya dado este siglo”). E sorprendinme a min mesmo ben contento, coa sensación de que non o estaría máis se o filme en cuestión fora meu.

Para a alegría, debo recoñecelo, tiña unha razón adicional que se suma a outra moi recente, e de ningunha das dúas podo darlles máis detalles polo momento (unha terceira razón, por certo, ocupará os cen minutos da miña vida inmediatamente posteriores á redacción deste post). Mais no esencial a alegría nacíame en Berlín, por culpa dun filme que rabeo por ver e do que só coñezo uns poucos minutos colgados en Internet a maneira de imaxes promocionais. Algo máis sei, si, xa o contei onte. Coñezo o que me contou hai un par de anos o bo do Miguel Gomes unha noite no Cabaret Maxime de Lisboa, durante o Indie no que el era xurado. Alegrarme polo éxito crítico de Tabu é, pois, unha maneira de alegrarme por Miguel. E por Luís Urbano e Sandro Aguilar, os seus produtores. A Luís e a Miguel coñecinos ao mesmo tempo, cando viñeron á Coruña por mor do ciclo e a carta branca que o CGAI lle dedicou ao autor do Aquele querido mês de agosto. Con Sandro xa tivera un primeiro contacto uns meses antes en Xixón, e coñecino “de verdade” na edición do Indie antes citada, onde el presentaba a sublime Voodoo. Aquela visita ao Indie foi a máis breve das que eu fixen a ese festival, xusto unha fin de semana; a proximidade de Cannes, o Cannes de Todos vós sodes capitáns, suxería regresar cedo á casa. Ese Cannes para o que tanto e tan rápido houbo que facer e que aprender (e a xente d'O Som e a Fúria estaba aí para dar consellos). A viaxe a Francia de Felipe Lage e un servidor fixo escala en Lisboa; á ida non foi posíbel encontrármonos co Luís por un pequeno desencontro telefónico (quedará para outra ocasión o prometido almoço de enchidos com grelos), mais á volta decidimos dedicar as pouco máis de dúas horas que tiñamos libres entre voos para achegármonos a Lisboa (sempre convén) e tomar café con el perto do escritório da produtora.

Sinto por eles aprecio suficiente como para experimentar ledicia polas cousas boas que lles pasen. Con orgullo podo chamalos amigos, un substantivo que no sucesivo penso empregar máis a miúdo e con máis xenerosidade; e reencontrarme con amigos coma eles (ou coma Gonçalo Tocha, João Botelho, João Trabulo, Francisco Ferreira ou a turma do Indie, por citar apenas algúns dos vinculados co cinema) é unha das causas polas que volvo sempre que podo, e sempre feliz, a Lisboa. Máis alá do afecto, tamén sinto que todos eles son “dos meus”, que partillan a miña mesma maneira de entender este negocio. Que gozan co cinema e non coas súas pompas e circunstancias, que se preocupan pola beleza das imaxes e non pola lonxitude do tapete vermelho. Xente para a cal a cultura non é unha palabra baleira que aparece na súa tarxeta de presentación. Que se fan preguntas, reflexionan e crean. Que saben que o progreso esixe non conformarse e ensaiar outros camiños, aceptando o risco de equivocarse.

As mellores películas do pasado, esas que son tan grandes que xa ninguén ten a imprudencia de cuestionalas, fixéronas persoas coma eles, homes e mulleres que puxeron nas súas imaxes amor, talento e traballo. As mellores películas do futuro fanas hoxe Miguel, Gonçalo e moitos outros, e aínda que algúns, os menos atentos, tardarán cincuenta ou sesenta anos en enterarse, somos lexión os que xa sabemos recoñecelo. Alégrome polo éxito dos amigos. Alégrome por eles, e tamén porque o seu triunfo é tamén o triunfo dun xeito de ver o mundo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Palácios de pena

Entre los cinéfilos atentos a los nuevos creadores portugueses el nombre de Gabriel Abrantes (1984) hace tiempo que resulta familiar, en especial por el apoyo que un festival de referencia, el Indielisboa, ha dado a su trabajo. Fue en el Indie donde descubrimos en 2008 Olympia I/II y después la muy estimulante Visionary Irak, con la que obtuvo un premio destinado a reconocer nuevos talentos. El éxito internacional llegó en 2010, cuando el corto A history of mutual respect, codirigido con Daniel Schmidt, se alzó como ganador del Leopardo de Oro en Locarno. Cualquiera de estas películas, e incluso las menos afortunadas Liberdade (codirigida con Benjamin Crotty) y Fratelli (con Alexandre Melo como coautor), estrenadas este mismo año en Lisboa y Vila de Conde, revelaban a un cineasta sin prejuicios, un genuino espíritu libre cuyos pasos era conveniente seguir.

Si alguna duda pudiera haber queda disipada con su obra más ambiciosa y brillante hasta la fecha, de nuevo con Daniel Schmidt: el mediometraje Palácios de pena, presentado en la sección Orizzonti de Venecia. Una anciana que ve cercana la muerte y sus dos nietas adolescentes, una de las cuales ha de recibir como legado su impresionante palacio, son las protagonistas de este relato que cuestiona la herencia cultural y social portuguesa, ligada a un pasado definido por el miedo y la opresión inquisitorial que se manifiesta en un singular episodio onírico. Un filme de frontera entre lo narrativo y lo experimental, frívolo y cruel al mismo tiempo, repleto de imágenes fascinantes.

Martin Pawley. Artigo publicado no xornal do Festival de Xixón do venres 25 de novembro de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Un cineasta na capa do Público

O xornal portugués Público dedica hoxe boa parte da súa capa a destacar a presenza de directores portugueses en diferentes festivais internacionais [1]. Para ilustrar a información de apertura do suplemento Ípsilon emprega unha foto do amigo Gonçalo Tocha, de quen levo falando ben dende que o descubrín no Indielisboa 2007 co magnífico Balaou. Hoxe o bo do Gonçalo presenta en Locarno unha longametraxe de intencións monumentais da que puiden ver hai uns meses un moi estimulante adianto: É na Terra Não É Na Lua, un achegamento "total" á máis pequena das illas do arquipiélago dos Açores, a do Corvo. Outro amigo, o gran Francisco Ferreira, escribiu sobre o filme na revista Expresso; déixolles a seguir as dúas páxinas do artigo: 1 e 2

Alégrome ben do éxito dos cineastas que admiro, e máis aínda de que haxa xornais que saben darlle á creación cultural, e en particular a cinematográfica, o espazo que merece. Unha portada coma esta do Público en Galicia é absolutamente impensábel.

[1] Gonçalo Tocha en Locarno con É na Terra..., Teresa Villaverde en Venecia-Orizzonti con Swan, João Canijo en Donostia con Sangue do meu sangue, Gabriel Abrantes en Locarno con Liberdade (co-dirixida por Benjamim Crotty) e en Venecia con Palácios de pena (co-dirixida por Daniel Schmidt), João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata con Alvorada vermelha en Locarno, e Joaquim Sapinho en Toronto con Deste Lado da Ressurreição

Chuzame! A Facebook A Twitter