O cinema romanés triunfa en Xixón

O cinema romanés é xa un tópico contemporáneo, unha presenza segura e indiscutíbel en calquera festival atento dende que a fundacional A morte do señor Lazarescu triunfara no Un certain regard de Cannes 2005. A 48 edición do Festival de Xixón acollía na súa sección oficial dous filmes desa nacionalidade, e os dous acabaron por aparecer no palmarés, nun caso por partida tripla, unha concentración que en liñas xerais non semella moi recomendábel. O xurado do que formaban parte Ana Torrent, Rui Pereira, Pablo Stoll e Juan Cavestany outorgou o Premio Principado de Asturias á mellor longametraxe a Marţi, după Crăciun (Tuesday, After Christmas) de Radu Muntean, e recoñeceu tamén os méritos do seu reparto con galardóns para o seu actor, Mimi Brănescu, e as actrices, Mirela Oprișor e Maria Popistașu. A outra película romanesa, Aurora de Cristi Puiu, recibiu o Gil Parrondo á mellor dirección artística nas persoas de Vali Ighigheanu e Andreea Popa.

O serbio Nikola Ležaic gañou o segundo premio en importancia, o Especial do Xurado, polo filme Tilva Ros. Unha habitual de Xixón, Kelly Reichardt, que xa competira na sección oficial con Old joy e Wendy and Lucy, recibiu o premio á mellor dirección por Meek's Cutoff, revisión do western de beleza sobrenatural que tamén convenceu ao xurado Fipresci. O mellor guión foi para Benjamin Heisenberg, neto de Werner, o do principio de incerteza, polo seu filme Der Räuber, coescrito con Martin Prinz.

O xurado de documentais, integrado por Ángel Rueda, Antonio Weinrichter e Marta Andreu, recoñeceu a construción “dunha mirada cinematográfica sólida que transcende o pacto documental” que consegue Gonzalo Castro en Invernadero. O discursivo e sorprendentemente pouco estimulante traballo de Noël Burch e Allan Sekula The forgotten space obtivo unha mención especial. O mesmo xurado premiou a excelente curta de Sandro Aguilar Mercúrio ex aequo co brillante e exhibicionista novo traballo de Peter Tscherkassky, Coming attractions, “por compartiren unha mesma vontade de risco: a de experimentar coa materia do cinema e coa súa materia narrativa”, e reservou unha mención para Fotografia de Victor Dragomir.

Nun ano no que o Festival de Xixón fixo unha aposta clara e valente por autores españois que representan vías diferentes das usuais, a única representación estatal no palmarés vén da man de Oliver Laxe, gañador do Premio Caja Astur do Xurado da Mocidade (que contaba cun vello coñecido deste Xornal, Víctor Paz Morandeira) ex-aequo cun pasteliño indie, Blue Valentine de Derek Cianfrance. Na acta salientaron de Todos vós sodes capitáns os distintos e ricos niveis de lectura que propón sobre as funcións e limitacións da arte e a súa “beleza estética sublime”.

Chuzame! A Facebook A Twitter