Desde unha estrela distante

As obras de Agustín Fernández Paz publicadas nos últimos anos proporciónannos, ademais de boas doses do seu aplaudido oficio literario, un pequeno pracer adicional: o de achegarnos a vida e visión do mundo dun autor que de maneira cada vez máis explícita parece falar de si a través das súas ficcións. Algo hai del no Damián de Fantasmas de luz, por máis que a paixón de Agustín polo cinema sexa máis formal e consciente. O personaxe do operador de cabina servíalle para tecer unha fermosa homenaxe ás vellas salas (xa extinguidas, ou case) e aos filmes que as habitaban, no que é tamén un tributo a unha certa maneira de entender a cinefilia. Alén diso o libro ofrecía unha elocuente parábola da invisibilidade de amplos sectores da sociedade: a voz comprometida do escritor soaba con firmeza e deixaba agromar ao final a esperanza da man da solidariedade (fordiana) entre homes e mulleres. Máis evidente aínda é a conexión xeracional en Non hai noite tan longa, pois a novela é un xenuíno axuste de contas contra a desmemoria e as feridas, íntimas e colectivas, da ditadura franquista. O lamento necesario dos que viviron (e padeceron) a normalidade atroz dun réxime asentado na represión e na censura.

Non é de estrañar, pois, que Agustín volva estar presente nas páxinas do seu novo libro, Dende unha estrela distante, agora coma extraterrestre de forma cambiante. Porque é inevitábel recoñecer nel o entusiasmo tecnolóxico de Edu, o visitante que chega á Terra co encargo de aprender todo sobre nós, os humanos, e descobre marabillado que Internet lle pode proporcionar toda a información que precisa. Aí faise notar o autor que se define coma unha curiosidade sociolóxica, un dos últimos galegos que se criou sen televisión, alguén que naceu nun país que se parecía moito á Idade Media e que no século XXI deita chíos como se fose a cousa máis natural do mundo. O neno que medrou cuns poucos libros -Verne, Poe, Dumas, Salgari- e aprendeu a valoralos coma un tesouro goza hoxe coa información sen límites da rede e entretense buscando ligazóns para as anotacións do seu blog. A ledicia ante a popularización do coñecemento -a ledicia da fartura despois dos tempos da fame- coexiste co convencemento de que saber máis do outro e de nós mesmos debe ensinarnos a convivir mellor. Diso vai tamén Desde unha estrela distante, un relato de amizade e comprensión mutua por riba das diferenzas que, por unha vez, non é hiperbólico calificar de "siderais".

Martin Pawley

* * *

Desde unha estrela distante está editado por Xerais (galego) e Anaya (español) na colección Sopa de Libros.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O cinema de Agustín

Montaxe con algúns dos filmes favoritos de Agustín Fernández Paz, proxectada durante a homenaxe nacional que se lle tributou o sábado 30 de xuño de 2012 en Vigo. Edición a cargo de Eloy Domínguez Serén.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Agustín e o cinema

“Isto é unha esaxeración ou habería que matizalo. É obvio que un filme non é tal até a fase de montaxe, e non pode falarse de película até que está montada”. A frase é unha das moitas que están escritas, como notas á marxe, no exemplar que dende os 70 Agustín Fernández Paz garda de Praxis del cine de Noel Bürch: aínda novo, atrevíase a retrucar as palabras dun dos grandes teóricos e críticos do cinema. Nesa altura Agustín era xa un cinéfilo consciente da súa paixón, por máis que moitas veces esta non puidera verse consumada.

A historia, porén, comezara ben atrás. No vello Cine Villalbés da súa vila natal no que, aferrado ao colo da súa nai, choraba a fío vendo Cando os mundos chocan (Rudolph Maté, 1951), que fabulaba sobre a extinción da vida na Terra pola fatal colisión cun astro. Máis pracenteira foi a experiencia d'A illa do tesouro (Byron Haskin, 1950), da man do señor Antoñito, o acomodador. Sentou no palco coa encarga de non se mover de alí e ao se apagaren as luces comezou non só a proxección senón tamén a súa fascinación pola arte cinematográfica, que tivo como primeiro sinal o “brillo especial nos ollos” que a súa nai lle detectou ao voltar á casa. No Villalbés descubriría filmes lendarios como Moby Dick ou Centauros do deserto; no Parroquial, nacido polo impulso dun coadxutor con curiosidade polo cinema, obras menos problemáticas para os usos cristiáns: A túnica sagrada ou Molokai. De cando en cando, algunha sorpresa: O mundo do silencio, o maxistral documental de Cousteau e Louis Malle que gañou a Palma de Ouro e un Oscar de Hollywood.

Na casa estaba o “cine NIC”, un proxector de xoguete agasallo da súa madriña. As imaxes viñan nunha banda de papel vexetal debuxadas en dúas liñas que representaban partes diferentes da animación. Cunha manivela facíase andar a banda e canda ela xiraba un obturador que deixaba ver, de maneira alterna, as imaxes de arriba ou as de abaixo para crear unha sinxela ilusión de movemento. Mercar máis películas para o cine NIC era algo inasumíbel, mais a imaxinación permitía unha feliz alternativa: debuxar as tiras animadas. Coa axuda do pai e dun irmán habelencioso facían con tinta chinesa novas películas, que sonorizaban ao vivo nas xuntanzas familiares.

A Laboral de Xixón foi o seu mundo durante sete anos, dos 13 aos 20, cando saíu co título de Perito Industrial. A impoñente sala de proxeccións do complexo, que abraia aínda hoxe, impactou o mozo Agustín. O son poderoso que viña dos altofalantes do fondo parecía literalmente “a voz de Deus” en San Francisco, xograr de Deus, a obra mestra de Rossellini. Na memoria quedou gravada Mar de herba e A lei do silencio de Elia Kazan, mais tamén Ordet de Dreyer, nunha copia con subtítulos en francés que alguén lía en castelán in situ, ou as de Bergman: O sétimo selo, O manancial da doncela, Fresas salvaxes. Cando tiveron idade abondo para que os deixaran poñer un pé fóra do internado empezaron a achegarse a Xixón nas fins de semana. Nesas saídas “en pandilla” tivo oportunidade de asistir a marabillas como O coleccionista de William Wyler ou West side story de Robert Wise e Jerome Robbins, que lles tocaba xeracionalmente moi de perto. Agustín é quen de lembrar as cancións deste clásico de Bernstein ou as de My fair lady, en parte porque tivo a sorte de que o seu profesor de inglés, o Padre Verastegui, empregaba as letras para aprenderlles a lingua: quizais por iso, porque o que cantaban non lles resultaba totalmente descoñecido, Agustín e os seus compañeiros escaparon do desprezo cara ao cinema musical tan estendido na España da época.

Mais a gran descuberta de Agustín na Laboral non foi de celuloide, senón de papel: a colección completa da revista Film Ideal que atesouraba o centro. Foi entre as paredes da biblioteca onde tivo noticia da Nouvelle Vague ou onde contemplou o cinema americano dende outra perspectiva. Empezou a ler crónicas, estudos e recensións de filmes que desa maneira pasaban a ser seus aínda que non os coñecera, aínda que nalgúns casos tardara décadas en poder velos. Aí nace a súa verdadeira aprendizaxe, que agora contempla, dende a perspectiva dos anos, con inevitábel frustración: a de sentirse estafado, vítima dun sistema corrupto que esmagaba liberdades e coartaba o acceso á cultura. Hai libros que un debe ler a certas idades, filmes que un debe ver no tempo debido, e Agustín, coma todos os da súa xeración, non puido.

Despois da Laboral, Barcelona foi un breve paraíso. Alí estaba todo: o cinema comercial de estrea, as abondosas reposicións, as salas de arte e ensaio que proxectaban en VO e os cineclubes. O menú era inabarcábel por moita que fora a fame, e obrigaba a percorrer a cidade enteira, dunha punta á outra, na procura do filme elixido. De volta a Galicia, instálase na Coruña para estudar maxisterio: ten 24 anos, máis que os seus compañeiros de carreira aos que ademais supera en coñecementos técnicos (matemáticas, física, debuxo) froito da súa formación como perito. Non lle sobra un peso mais si o tempo -moito- e así pode seguir devorando cinema, agora vinculado ao mítico cineclube local conducido con pulso firme por Enrique Alonso Quintás.

Preparaban follas informativas como podían, fusilando fontes alleas ou a partir de recordos, ás veces vagos, de películas xa vistas. Nunha altura na que non era posíbel revisar o filme plano a plano no ordenador antes de escribir a primeira liña, o exercicio da cinefilia esixía un espírito heroico e arroutado. A paixón non mudou: é a mesma, permanece. Xorde con claridade en Fantasmas de luz, o seu máis explícito canto de amor, mais asoma espallada por ducias de artigos e ficcións. O amor, tamén o amor polo cinema, non pode agacharse nunca. É sempre o único que queda.

Martin Pawley. Artigo publicado na sección de cinema do número de xuño de Tempos Novos

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vinte filmes (1): Agustín Fernández Paz

Collo un caderno e, sen pensar previamente en nome ningún, dispóñome a cumprir a encarga de seleccionar vinte películas importantes na miña vida. Déixome levar pola memoria e vou anotando os primeiros nomes que me veñen á cabeza. Aos poucos minutos, constato que os que veño de escribir (uns tiran doutros, coma as cereixas) pasan xa de trinta. Leo o listado, confiando en eliminar algún, e o que fago é engadir outros poucos títulos máis. Xa que logo, para me suxeitar ao número pedido, decido poñer só unha película por director (coma tal, de Bergman había catro, así que elimino tres, ben ao meu pesar). Aínda así non chega, pasan de vinte. Tras desbotar outras (aló vai Dublineses, e El camino a casa, e A bout de souffle, e El resplandor!), con ben dor de corazón, o resultado é este (citados por orde cronolóxica, e co título de estrea en España):

La quimera del oro (Charles Chaplin, 1925)
Ordet (Carl Theodor Dreyer, 1955)
Centauros del desierto (John Ford, 1956)
Rocco y sus hermanos (Luchino Visconti, 1960)
El apartamento (Billy Wilder, 1960)
Plácido (Luis García Berlanga, 1961)
Jules et Jim (François Truffaut, 1962)
El ángel exterminador (Luis Buñuel, 1962)
América, América (Elia Kazan, 1963)
Pasión (Ingmar Bergman, 1969)
Grupo salvaje (Sam Peckinpah, 1969)
El carnicero (Claude Chabrol, 1970)
Amarcord (Federico Fellini, 1973)
Días del cielo (Terrence Malick, 1978)
París, Texas (Wim Wenders, 1984)
Ran (Akira Kurosawa, 1985)
El festín de Babette (Gabriel Axel, 1987)
Delitos y faltas (Woody Allen, 1989)
Vania en la calle 42 (Louis Malle, 1994)
El sabor de las cerezas (Abbas Kiarostami, 1997)

Agustín Fernández Paz

para saber máis: vídeo de Agustín Fernández Paz, Os filmes de Agustín

Chuzame! A Facebook A Twitter

Fantasmas de luz

Probablemente sexa esta a novela da literatura galega que máis e mellor aborda o mundo do cinema. Na lembranza fican títulos como a referencial Ilustrísima, a compilación Narradores de cine, a lírica de Cinepoemas, a encrucillada de Capitol, última sesión, ou as referencias puntuais definidoras de contextos en Expediente Artieda, Amor de tango, Antón e os inocentes, Ela, maldita alma, Males de cabeza, Círculo, Pensamentos impuros... Mais Fantasmas de luz, a última obra de Agustín Fernández Paz, vai máis alá de arroupar unha narración arredor da sétima arte, pois leva o mundo das imaxes en movemento a unha descomposición ontolóxica que serve para trazar unha desacougante reflexión sobre a falta de solidariedade da sociedade contemporánea.

Desde o título xa se establece unha clara analoxía sobre o mundo do cinema e a construción da novela en base a sucesivas veladuras. Atopámonos ante algo que parece ser unha cousa e que finalmente é outra. Unha novela extremadamente adulta nunha edición xuvenil, con atinadas ilustracións de Miguelanxo Prado. Outro matiz interesante é a súa estrutura, que intenta asemellarse a do menú dun deuvedé coa inclusión de tomas extra e información adicional (consistente en fichas dos filmes citados) que reverten en certa tendencia lúdica e pedagóxica que caracteriza a traxectoria do seu autor.

O groso da novela gravita sobre dúas partes diferenciadas. Na primeira sabemos da vida de Damián, un proxeccionista que despois de trinta e cinco anos queda no paro ao pechar os cinemas onde traballou toda a vida e se esforza en discernir entre o seu imaxinario e a realidade da súa vida útil desvelando, ao fin, algúns retrousos da súa vida en parella. Esta parte está trufada de excesivas citas cinéfilas que nos amosan a alteración da mirada do protagonista. Unha crónica dunha resituación persoal con valor histórico ao servir de testemuño da decadencia comercial da exhibición tradicional de cinema.

É na segunda parte cando a novela colle inusitada forza. Ao ton triste e decadente da primeira séguelle unha narración inquedante e sorprendente, debedora da ciencia ficción dos sesenta baseada no estrañamento do cotiá. Especialmente conseguida é a capacidade de poñer a falar a nada. Este perfil de xénero serve como intermediario para facer un diagnóstico moi certeiro da nosa sociedade. Agustín Fernández Paz practica un xogo de prismas de gran virtuosismo que emprega o filtro da técnica e da fantasía (é dicir, o cinema) para achegarse á nosa realidade.

Deste xeito, o autor reconduce unha ficción desmedida para evidenciar un interese sobre o concreto, sobre unha preocupación social, case documental. E aquí tamén se produce un novo reencadramento pois o que nun principio parece un alegato contra a marxinación das persoas maiores amplíase a todas as persoas vítimas da exclusión social e laboral, a consecuencia máis determinante da actual crise. É por iso que Fantasmas de luz comeza sendo unha novela que dá conta da fraxilidade dos soños para afianzarse como guía ante as moitas inxustizas ás que normalmente lle torcemos a cara.

Xurxo González

para saber máis: Agustín Fernández Paz fala de Fantasmas de luz

Chuzame! A Facebook A Twitter