Se esta crónica apresurada levase título sería: O enorme peso da tenrura. Unha película faise obra comunicativa basculando entre dous polos: o autor e o receptor. O director e o espectador deben percorrer ambos os seus pasos no camiño para que funcione o código expresivo-comunicativo. Isto é unha obviedade que non sempre se dá, e escríboa aquí porque aí se esconde a chave de comprensión de Like someone in love.
Unha estudante universitaria exerce de prostituta ocasional. Cando é requerida para atender un cliente, resístese porque, ademais de discutir co seu mozo, ese día a súa avoa está de visita en Tokio e quere vela. Mais vese obrigada a acceder. O cliente é un vello escritor que vive só. Polo medio un noivo ciumento, a soedade do vello, os seus segredos e unha veciña rexoubeira... e até aquí podo contar.
Pero hai máis? Si, todo canto está no espectador, na súa intelixencia e na súa sensibilidade (ou iso que agora chaman intelixencia emocional). Un espectador que agarda, anticipa, corrixe, deriva, inventa e, o que é máis importante, constrúe o seu filme. Todo para chegar a un final verdadeiramente sorprendente. Este si que é un final aberto! Unha obra dun director que acredita na intelixencia do espectador, algo non moi frecuente.
Entrementres o cinema pulcro e fermoso de Kiarostami: os seu planos fixos sostidos, as súas longas secuencias primorosamente elaboradas, o seu amor polos reflexos e ese seu xeito de mostrarnos o que sucede dentro e fóra ao mesmo tempo... En fin, un belísimo filme que nos conta unha historia chea de tenrura filmada con non menos delicadeza. Nota: 8/10.
Xabier P. DoCampo