Contra a contaminación lumínica: declaración de Bielsko-Biala

Texto en español / Texto orixinal en inglés + Formulario de recollida de sinaturas

Declaración de Bielsko-Biala

Nós, os participantes do 12º Simposio para a Protección do Ceo Nocturno, celebrado en Bielsko-Biala do 13 ao 15 de setembro de 2012:

Pedimos ao IDA e a todas as institucións relevantes a adopción dunha verdadeira (é dicir, científica) definición de contaminación lumínica, posto que a luz engadida artificialmente en exteriores pola noite é un contaminante serio.

Pedimos que ningún corpo lexislativo permita luz que vaia en sentido horizontal ou cara arriba en exteriores iluminados. Os argumentos en contra disto foron probados coma falsos hai moito tempo pola ciencia e tamén pola excelente experiencia de países con este tipo de lexislación: Eslovenia e a maioría das provincias italianas;

Recomendamos o apagado das luces ou polo menos a diminución da súa intensidade á terceira parte ou menos cando non haxa ninguén ou case ninguén que poida facer uso delas;

Salientamos que as superficies con luminancias dez veces máis fortes (ou máis) que a luminancia das estradas, se están no campo de visión, son contrarias aos propósitos da iluminación exterior, son incómodas para a xente e perigosas para o tráfico. Isto inclúe a iluminación publicitaria e a dos edificios, entre outras;

Sentimos que é un dereito humano básico que a luz artificial debida a iluminación pública nocturna exterior ás casas estea por debaixo de 0,2 lx.

Declaración de Bielsko-Biala

Nosotros, los participantes del 12º Simposio para la Protección del Cielo Nocturno, celebrado en Bielsko-Biala del 13 al 15 de septiembre de 2012:

Pedimos al IDA y a todas las instituciones relevantes la adopción de una verdadera (es decir, científica) definición de contaminación lumínica, puesto que la luz añadida artificialmente en exteriores por la noche es un contaminante serio.

Pedimos que ningún cuerpo legislativo permita luz que vaya en sentido horizontal o hacia arriba en exteriores iluminados. Los argumentos en contra de esto fueron probados como falsos hace mucho tiempo por la ciencia y también por la excelente experiencia de países con este tipo de legislación: Eslovenia y la mayoría de las provincias italianas;

Recomendamos el apagado de las luces o por lo menos el descenso de su intensidad a la tercera parte o menos cuando no haya nadie o casi nadie que pueda hacer uso de ellas;

Destacamos que las superficies con luminancias diez veces más fuertes (o más) que la luminancia de las carreteras, si están en el campo de visión, son contrarias a los propósitos de la iluminación exterior, son incómodas para la gente y peligrosas para el tráfico. Esto incluye la iluminación publicitaria y la de los edificios, entre otras;

Sentimos que es un derecho humano básico que la iluminación artificial debida al alumbrado exterior a las casas por la noche esté por debajo de 0,2 lx.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tránsito de Venus

Na madrugada do mércores 6 de xuño poderemos seguir as retransmisións do tránsito de Venus, o paso do planeta por diante do disco solar, un fenómeno que non se volverá repetir até o 11 de decembro de 2117. Dende Galicia non será visíbel o encontro aparente de Venus e o Sol, que vén sendo unha eclipse en pequeniño, mais si puidemos gozar o do 8 de xuño de 2004. Uns días antes contara no meu vello blog a curiosa historia de Le Gentil, que hoxe paga a pena recuperar:

Tránsito e infortunio

O excelente artigo de Nieves Gordón e Marcos Pérez sobre o tránsito de Venus que publica a revista Quo (xuño de 2004) ponnos sobre a pista do científico francés Guillaume Joseph Hyacinthe Jean Baptiste Le Gentil e os seus infrutuosos intentos de observar tal fenómeno astronómico. Le Gentil saíu do seu país cara a India en marzo de 1760, adiantándose ao tránsito en máis dun ano para poder preparar con máxima precisión e detenimento a súa observación. Infelizmente os franceses e os británicos andaban por esas datas metidos de cheo na Guerra dos Sete Anos, coa India como bocado colonial especialmente apetecíbel, e Le Gentil nin sequera puido desembarcar. Estaba a punto de facelo en Pondicherry cando esa cidade foi tomada polos ingleses, de xeito que non lle quedou outra que escapar correndo con destino a Illa Mauricio.

O tránsito de Venus do 6 de xuño de 1761 colleulle, por suposto, en metade do océano. Aínda que si puido observalo, nesas condicions era imposíbel tomar as medidas que axudarían a precisar, por paralaxe, a distancia da Terra ao Sol. O seguinte tránsito sucedería oito anos máis tarde, así que aproveitando que xa estaba alí e asumindo que non ía ser cousa fácil surcar os mares entre barcos lanzándose canonazos optou por ficar en Illa Mauricio. Utilizándoa como campamento-base botouse a explorar ben toda a zona para estudar a súa cultura e, supoño, confraternizar cos seus poboadores. Así pasou algún tempo, mais axiña decidiu que as Filipinas eran un mellor destino e alá foi, para acabar descubrindo que o gobernador español deses territorios non estaba polo labor de deixar entrar estranxeiros con aparatos sospeitosos. Foi niso que a guerra rematou e Pondicherry volvía estar en mans francesas: por fin todo parecía marchar ben. Contaba co apoio das autoridades locais e puido preparar un completo observatorio. A partir das súas observacións astronómicas calculou con exactitude os datos que precisaba, como a latitude e a lonxitude. Chegou perfectamente preparado para o gran día, o 3 de xuño de 1769. E aí foi cando todo se torceu. O ceo, que pola mañá estaba despexado e luminoso, foi enchéndose de nubes ao longo da xornada, até cubrirse por completo poucas horas antes do tránsito, e só ao rematar empezaron a abrirse claros. O home que levaba case dez anos entregado ao encontro de Venus e o Sol vía por segunda vez como todos os seus esforzos acabaran por ser inútiles, só que agora sabía que non ía ter máis oportunidades: para o seguinte tránsito habería que esperar até o 1874. Le Gentil ficou tan desolado que nin sequera foi quen de redactar o informe que debía enviar á Academia de Ciencias.

Antes de emprender regreso á Francia Le Gentil enfermou de disentería e estivo a piques de morrer. Logo virían os ataques dos corsarios e as tormentas espeluznantes que convertiron a viaxe de volta nunha experiencia terríbel, pero o máis insólito agardáballe aínda na súa propia casa. Nin unha soa das cartas que mandara chegou ao seu destino, co cal os seus familiares e os compañeiros da Academia Francesa dérono por morto. As autoridades expediran o certificado de defunción, o seu asento na Academia fora ocupado por outro científico e todos os seus bens foron repartidos entre os seus supostos herdeiros. O único que lle quedaba a Le Gentil era a súa identidade.

A historia, porén, ten un final feliz: acabou casando cunha dama adiñeirada e obtivo un novo posto na Academia. Quero pensar que dende ese momento Le Gentil viviría feliz, coa certeza de que xa nada do que lle puidera pasar podería collelo por sorpresa.

Actualización: Le Gentil inspirou hai uns poucos anos unha ópera, que reempraza a súa novelesca vida polo sacrificio romántico en favor da ciencia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ceo profundo en The tree of life


Galaxia do Sombreiro (Sombrero Galaxy), M104 ou NGC 4594. Galaxia espiral na constelación de Virgo.


NGC 4921. Galaxia espiral na constelación da Cabeleira de Berenice.


Nebulosa da Cabeza de Cabalo (Horsehead Nebula), Barnard 33 ou IC 434. Nebulosa difusa na constelación de Orión.


Nebulosa da Hélice (Helix Nebula), "o ollo de Deus" ou NGC 7293. Nebulosa planetaria na constelación de Aquarius.

Capturas do filme The tree of life de Terrence Malick. M?: catálogo Messier. NGC?: new general catalogue. IC?: index catalogue.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Baixo o signo de Cetus

A Alejandro e Penélope, pais dun neno que nacerá baixo o signo de...

Como moitos de vostedes saberán, o Zodíaco é o conxunto das doce constelacións (permitan a licencia polo de agora) sobre as cales se debuxa a Eclíptica, e que conforman o telón de fondo polo que vai pasando o Sol, a Lúa e os planetas na súa marcha pola bóveda celeste. Menos coñecido é o feito de que a causa do movemento de precesión da Terra, que fai que o seu eixo de xiro se sacuda coma unha peonza describindo un círculo completo ao longo duns vinte e seis mil anos, ese telón de fondo non é sempre o mesmo, senón que varía ao considerarmos periodos de tempo amplos. Hoxe o eixo da Terra apunta cara a Estrela Polar, mais non sucedía iso cando nacían as civilizacións nas beiras do Tigris e do Éufrates, por exemplo, e tampouco se dará esa feliz casualidade (tan útil para orientarse pola noite no hemisferio norte) dentro de seis ou sete mil anos, como poderán comprobar os nosos descendentes se é que daquela fica alguén aquí para contalo.

A división do camiño do Sol en doce constelacións foi feita hai moitos, moitísimos anos. Os horóscopos que saen nos periódicos e nas revistas seguen dicíndonos que os nacidos entre o 21 de marzo e o 20 de abril pertencen ao signo de Aries, dando por suposto que é entre esas datas cando o Sol transita polas fronteiras absolutamente arbitrarias que lle asignamos a tal constelación. Mais o certo é que hoxe en día as cousas non son así. Calquera persoa pode entreterse a comprobar en que datas o Sol atravesa cada constelación do Zodíaco botando man de sinxelos programas de ordenador. Eu fixen a proba, e estes son os resultados. Non tomen con demasiada rixidez as datas; máis ben recoméndolles que as estendan no seu proprio proveito, e se de verdade queren ser Leo, digan que son Leo aínda que teñan nacido en plena primavera.

19 Abril: Aries
14 Maio: Taurus
22 Xuño: Gemini
22 Xullo: Cancer
12 Agosto: Leo
18 Setembro: Virgo
1 Novembro: Libra
24 Novembro: Scorpius
1 Decembro: Ophiucus
19 Decembro: Sagittarius
21 Xaneiro: Capricornus
17 Febreiro: Aquarius
12 Marzo: Pisces

Como poden ver, as constelacións zodiacais son trece e non doce. De feito, se me animan un pouco diríalles que son catorce: se coñecen algún rapaz que nacera aí polo 27 ou 28 de marzo, cóntenlle cando sexa maior que ten o privilexio de ter nacido baixo o signo de Cetus, constelación que o Sol roza por esas datas. E sobre todo, tráteno ben e procuren que sexa feliz. Aos do signo de Cetus, e a todos os demais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A irmandade dos contadores de estrelas

De todas as formas do saber seguramente é a astronomía aquela na que a transmisión do coñecemento se produce dunha maneira máis directa, case íntima. Todos os astrónomos afeccionados o somos porque nalgún momento das nosas vidas alguén nos levou da man nos primeiros pasos que dabamos polo ceo e nos fixo partícipes da insuperábel beleza do gran teatro da noite. Alguén que nos descubriu os ritmos do ceo, que nos presentou os seus protagonistas principais e nos contou os mitos e lendas que todas as civilizacións crearon para facer máis levadías as madrugadas longas e escuras. Sempre hai unha persoa que nos dixo “vén e mira”, e que nolo dixo con agarimo, buscando en nós un cómplice que se sume a unha irmandade tan antiga como o ser humano: a irmandade dos contadores de estrelas, os que comunican o tesouro intanxíbel do firmamento nocturno.

AGARIMO, INTIMIDADE. É certo que non é común atopar estes dous conceptos en calquera texto que encaixe na categoría “ciencia”, mais acho que debería ser o normal, pois a transmisión de coñecemento, cando é eficaz, é sempre un acto de amor. Así o expresa Daniel Pennac ao final de Mal de escola, e iso que lle levou 250 páxinas atreverse cunha “palabrota” que “non podes nin sequera pronunciar nunha escola, un instituto, unha facultade ou calquera lugar semellante”, cousa que inclúe, estou ben seguro, os museos de ciencia –e os museos en xeral–. O amor e a paixón na dose necesaria para que o outro entenda que iso que estamos a compartir con el é marabilloso, e que polo feito de saber máis será máis feliz porque será máis libre e poderá afrontar mellor os seus medos. Aprendemos, pois, para ser máis libres.

AMOR, LIBERDADE. Son palabras que se me veñen á cabeza cando penso en Juan Carlos Medal Cabezas, Jaítos, o home que xunto a Moncho Núñez transformou hai vinte e cinco anos en real o soño dunha Casa onde xogar coa Ciencia na Coruña. Desde o seu posto de técnico nos Museos Científicos, Jaítos convenceunos da necesidade de practicar o escepticismo, de rexeitar as inxustizas, veñan de onde veñan, de buscar respostas e –sobre todo– de buscar novas preguntas. Para todos os que participamos nas súas inesquecíbeis sesións de planetario e vimos con el o ceo de verdade, Jaítos foi ademais o noso estreleiro, o home que nos inoculou o desexo de formar parte desa gran irmandade dos contadores de estrelas. A mellor homenaxe que lle podíamos facer era conseguir que o planetario da Casa das Ciencias levase o seu nome. Desde antonte xa é oficial: o Concello atendeu a petición cidadá e a partir de setembro o planetario chamarase Jaítos Medal. O reto agora é mantermos entre todos un planetario á altura do seu nome.

Martin Pawley. Artigo publicado o xoves 5 de agosto en Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A Twitter