Isabelle Huppert: Na procura do acorde xenial

Actriz fundamental no desenvolvemento do cinema europeo dos últimos corenta anos, a traxectoria da francesa Isabelle Huppert vai estar presidida tanto polo seu inmenso talento como pola progresiva significación da súa labor interpretativa e o enorme coidado na selección dos traballos fílmicos. Tres feitos que converten a Huppert nunha desas figuras relevantes respaldadas polo seu rigor, liberdade artística e capacidade de fascinación, identificada inmediatamente con outros intérpretes localizados en Europa –pensemos nos talentos e eleccións de Piccoli, Olbrychski, Schygulla, Moreau, Ganz, Lonsdale, Von Sydow, Volonté ou o primeiro Depardieu,...-, dúctil e provista de moitas faces, nunha sucesión de xiros onde conflúen personaxes apoucadas ou directamente perturbadas, sempre rexistros sutís, deliberadamente complexos.

Nada en 1953 en ambientes pertencentes á burguesía parisina, destaca pola súa formación (alumna de Antoine Vitez no Conservatorio Nacional, diplomada en lingua rusa, posuidora de habilidades musicais,...) e versatilidade, rapidamente comprobada tanto nos eidos teatral e televisivo como a partires das súas primeiras aparicións no cinema grazas a títulos como César et Rosalie de Claude Sautet (1972), ou en códigos máis populares Los rompelotas (1974) de Bertrand Blier, mentres é requerida polo veterano Otto Preminger para a fallida produción internacional Rosebud (1975) e por xentes como Yves Boisset ou André Techiné. Triunfa co papel da desdichada Pomme, ou o amor e as diferencias sociais, da película suiza de Claude Goretta La encajera (1977), primeira das súas trece nominacións ao premio César -pasmosamente só obtido nunha ocasión-, e obtén o galardón á mellor actriz en Cannes por Violette Nozière (1978) de Claude Chabrol, outro maxistral retrato dun personaxe vulnerable. Intervén nun dos filmes artística e industrialmente claves do cinema estadounidense do momento, La puerta del cielo (1980), relato antiépico construido sobre os moldes do western que arruina á United Artists, retira de circulación ao cineasta Michael Cimino e transforma a concepción e novos rumbos do negocio cinematográfico. Inmune a tales feridas, Huppert, que volverá a traballar no cine norteamericano en producións máis modestas, como Falso testigo (1987) de Curtis Hanson ou Amateur (1994) de Hal Hartley, prosegue o seu brillante itinerario ao servicio de autores de prestixio dignos de varias vidas artísticas, de Godard, Pialat, Ferrreri, Losey, Raúl Ruiz, Diane Kurys, Wajda, Assayas, Haneke, Robbe-Grillet, Schroeter, Jacquot e Claire Denis a Bellocchio, Hong Sang-soo, Brillante Mendoza, Rithy Panh ou os irmáns Taviani.

Un documental de Serge Toubiana, Isabelle Huppert, une vie pour jouer (2001) xustamente ofrece un revelador retrato a modo de colaxe estimulante que en simultáneo integra o persoal e o profesional, comezando cun berro e concluindo cunha imaxe clarividente do pasado. Nas súas imaxes aparecen tamén pisadas dunha prolongada colaboración, á mantida co xa falecido Claude Chabrol, que lle permitirá dar corpo a algo que atinadamente describira Bertrand Tavernier (presente dende os seus inicios a través de títulos como El juez y el asesino, 1975, e Coup de Torchon, 1981): “Isabelle Huppert imponse á película de maneira estraña e curiosa. É unha actriz eminentemente melódica. Imprime ás escenas nas que intervén un ritmo case musical, cheo de silencios e emoción, do que se desprende, sen embargo, unha sensación dura e cortante, case de perigo. É imposible esquecerse dela”.

José Manuel Sande

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tarde de sábado en Vila do Conde

En Vila do Conde, unhas horas antes da entrega de premios do Curtas 2012, compartindo conversa (e copo de Porto) con Miguel Gomes e Paula Guedes, protagonista d'O bobo (José Álvaro Morais, 1987). Ao fondo, o produtor Luís Urbano e o director Basil da Cunha.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antídoto contra a cólera

Segundo pasa o tempo o apelido Marx adquire connotacións de lenda. Dous termos, xenial e clarividente, acompañan aos nosos devanceiros –tanto os irmáns reis da comedia como o pensador Karl-, dada a curiosa simbiose entre o potencial do seu ideario e a súa propia pervivencia ata os nosos días.

A edición (Seix Barral) das memorias de Harpo -Arthur Adolph- Marx, o irmán mudo (Nova Iorque, 1888-Los Angeles, 1964), é unha grata sorpresa. Primeiro, porque Harpo falou pouco, de feito só o fixo ao final da súa vida, tanto na despedida oficial dos escenarios –base da súa arte poética, cómica e musical- como neste poderoso libro de recordos estruturado por orde cronolóxica e publicado en 1961, elaborado co escritor Rowland Barber. Segundo, porque o ton e actitude adoptados ofrecen unha tenra, amena e reveladora lectura, que contribúe a explicar as orixes humildes ou a composición da saga familiar, incluíndo unha nai, Minnie, decidida mentora da súa carreira.

Os Marx alcanzan o éxito cinematográfico –con pezas épicas de comicidade arrasadora e corrosiva como Animal crackers (1930), Sopa de ganso (1933) ou Una noche en la ópera (1935)-, cando levan 25 anos no teatro; nos inicios, un periplo itinerante por Estados Unidos, o vodevil ínfimo mesturando con progresiva sapiencia o musical e o cómico, logo Broadway. O relato de Harpo deixa constancia deste proceso de ascensión mentres descrebe a súa aprendizaxe. Así, deixa a escola aos 8 anos e acaba de tertuliano no mítico Algonquin; viaxa a Moscú nos anos 30 en misión diplomática e posúe talento musical; ten infinidade de traballos –resístese ao espectáculo- e admira aos seus irmáns. O anecdotario emblemático e divertido e a capacidade de conmoción resumen con acerto a narración.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 21 de maio de 2011

Chuzame! A Facebook A Twitter

O mito Elizabeth Taylor

É tan tópico como certo: Elizabeth Taylor era o derradeiro símbolo do Hollywood dourado, unha desas figuras cuxo nome e rostro resultaba familiar para a maioría de espectadores, xeración tras xeración. Unha lenda para os que a descubriron na gran pantalla hai máis de sesenta anos, e tamén para os que moito despois nos formamos coma cinéfilos en sesións de tarde e noite na televisión pública, nunha altura en que a súa programación aínda era merecedora de respecto.

O mito Liz Taylor comeza moi cedo, de nena, cun primeiro triunfo persoal en 1944, National velvet, onde brillou a actriz Anne Revere pouco antes de caer en desgraza ao negarse a testificar diante do Comité de Actividades Antiamericanas. O éxito comercial da comedia O pai da noiva inspirou unha secuela, O pai é avó, as dúas dirixidas por Vincente Minnelli. Casaba na pantalla con Don Taylor e na vida real cun millonario con apelido de hotel, Conrad Hilton Jr, no que foi o primeiro dos seus oito matrimonios.

Axiña chegou un clásico imperecedoiro que confirmou o seu innegábel potencial interpretativo, a obra mestra de George Stevens Un lugar no Sol, arrebatadora e desesperada traxedia romántica na que compartiu cartel con Montgomery Clift e Shelley Winters. Un par de clásicos populares –Ivanhoe, Beau Brummel– foron a antesala de Xigante, película con Rock Hudson e James Dean que retrata a transformación dos rancheiros texanos en magnates do petróleo. George Stevens levou un Oscar como director, pero perdeu o de mellor filme ante o produtor d’A volta ao mundo en 80 días, Mike Todd, que casou coa Taylor un mes antes de recoller o premio. Todd morreu en marzo de 1958 nun accidente de avión do que a actriz se librou por mor dun arrefriado. Tardou pouco máis dun ano en atopar novo marido: o cantante Eddie Fisher, que deixou a Debbie Reynolds pola actriz dos ollos violeta para satisfacción e escándalo da prensa rosa.

A súa axitada vida persoal coincidiu cun espléndido momento profesional: optou ao Oscar catro tempadas seguidas e acabou gañándoo pola esquecíbel Unha muller marcada. Dúas desas candidaturas recibiunas por adaptacións de obras de Tennessee Williams que figuran entre os seus papeis máis lembrados: A gata sobre o tellado de cinc de Richard Brooks, onde segundo o escritor Xabier P. DoCampo compuxo xunto a Paul Newman a parella máis fermosa vista nunca nunha sala de cinema; e De súpeto, o último verán, drama desatado dirixido por Mankiewicz e coescrito por Williams e Gore Vidal.

Era xa unha estrela capaz de cobrar un millón de dólares por facer Cleopatra, que aínda hoxe é o filme máis caro da historia u­nha vez feitos os axustes correspondentes á inflación. Na rodaxe coñeceu a Richard Burton e así iniciaron unha turbulenta relación que inclúe dúas vodas e outra película notábel, Quen teme a Virginia Woolf?, o seu segundo Oscar. Despois diso houbo un filme con John Huston, outro con Joseph Losey e un encontro nostálxico e despistado con George Cukor e Ava Gardner; o resto da súa carreira pouco importa.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o xoves 24 de marzo. Máis información: O mundo despide a Liz Taylor, a derradeira diva de Hollywood + A gata rebelde que ardía sobre os tellados da vida

Chuzame! A Facebook A Twitter

Nunca o dixen

O óbito de alguén tan inmensamente popular como a actriz Elizabeth Taylor, máis alá da súa traxectoria fóra da pantalla, permitenos lembrar, por enriba de todo, a magnitude do seu talento como intérprete. Moitos enfatizarán os seus matrimonios, a feble saúde, os premios, a disposición filantrópica, o fondo sentido da amizade, porén Taylor foi unha estrela desde moza capaz de evolucionar e amosar un repertorio matizado, complexo, que venceu limitacións, excesos e unha carreira –desde finais dos anos 60– carente de ambición e relevancia artística.

O proceso resulta proveitoso, moldeado a través de títulos célebres. A moza grácil de Un lugar en el sol (1951) transformouse na actriz sólida de La gata sobre el tejado de zinc (1958). E esta atopou un punto de inflexión, o desafío –con Katharine Hepburn– de De repente, el último verano (1959), turbadora incursión no tabú dirixida polo sutil Mankiewicz onde Taylor tiña intres estremecedores. Esta emotividade deslumbrante desataríase definitivamente. O laborioso esforzo de Cleopatra (1963) deriva en dúas interpretacións emblemáticas, ¿Quién teme a Virginia Woolf? (1966) e La mujer indomable (1967), retratos da autenticidade torrencial, os desvaríos de comportamento, os asomos da vulgaridade artellados en nós. Permanecerá.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o 24 de marzo de 2011

Chuzame! A Facebook A Twitter